
O Concello de Ribeira vén de acadar un fito histórico coa concesión de 6.547.728 euros de fondos europeos no marco dos Plans de Actuación Integrais das Entidades Locais. Trátase da maior captación de fondos europeos da historia do municipio, un logro que permitirá mobilizar un investimento total superior aos 10 millóns de euros para transformar urbanística, social e ambientalmente a vila. Así deron conta o alcalde e as concelleiras, Cruz Rivadulla, Antía Alberte, Tania Redondo, e o edil Juan Furones.
O alcalde, Luís Pérez Barral, amosou a súa satisfacción pola resolución, subliñando que “é unha excelente noticia para Ribeira e para toda a veciñanza, porque estes fondos permitirán acometer investimentos que cambiarán a nosa cidade e mellorarán a calidade de vida da xente”. Segundo Pérez Barral, “cando chegamos ao goberno atopámonos cun Concello afogado nunha débeda de 13 millóns de euros, e agora pretenden botarnos por facer ben o noso traballo, precisamente no momento no que acabamos de conseguir 6,5 millóns de euros para investir máis de 10 millóns en mellorar Ribeira. Iso é responsabilidade e boa xestión”.
Un proxecto transformador para a Ribeira do futuro
O Plan de Actuación Integral (PAI) presentado polo Concello de Ribeira, e agora parcialmente financiado con fondos europeos, supón un investimento global de máis de 10 millóns de euros. O proxecto persegue revitalizar o barrio histórico de Banda ao Río e converter Cerqueira nun epicentro social, cultural e de innovación, recuperando o patrimonio industrial conserveiro e creando novos espazos de convivencia, cultura e participación veciñal. Ademais contémplase a construción dun centro multiúsos, de menor cabida, destinado a promover a integración social, e o fortalecemento da convivencia veciñal podendo acoller unha grande variedade de actividades de todo tipo, dende a inclusión até a recuperación de tradicións locais.
A actuación contempla tamén unha rexeneración urbana integral da Praza de Pontevedra, que se converterá nun gran espazo público verde, accesible e aberto ao mar, con zonas de xogo, pistas deportivas e áreas interxeracionais. Ademais, prevese a creación dun aparcadoiro disuasorio soterrado con capacidade para 250 vehículos, que favorecerá a mobilidade sostible e o acceso ao centro urbano. O estacionamento ten un enfoque intermodal xa que a súa localización céntrica permite conectar a cidade a pé, co transporte público e cun futuro punto de préstamo de bicicletas.
O proxecto está alineado coa Axenda Urbana de Ribeira, aprobada por unanimidade de todos os grupos da Corporación, e ten como principios reitores a sostibilidade ambiental, a eficiencia enerxética e a cohesión social. Inclúe a plantación de máis de 200 árbores autóctonas, o uso de tecnoloxías verdes e a rehabilitación de edificios históricos, reducindo a creación de novas estruturas e recuperando o existente.
Un modelo de cidade sostible, inclusiva e con identidade
Con esta nova visión de cidade, o goberno ribeirense, aposta por investir nas zonas máis degradadas do municipio, recuperando edificios
históricos en lugar de crear novas edificacións, xerar espazos verdes e resolver a necesidade de estacionamento. “Estes cartos súmanse ao forte investimento realizado nestes dous anos que supuxo investir nas parroquias ribeirenses 5,5 millóns de euros” declarou Pérez Barral.
Pola súa banda, o concelleiro de Sanidade, Juan Luis Furones, informou que a principal función do proxecto, “é a integración dun entorno deixado, deteriorado e con diferentes problemáticas, nunha zona reformulada no conxunto da cidade dentro da planificación integral e transversal que leva facendo este goberno co urbanismo”. Furones engadiu que “con este proxecto o que se pretende e devolver a Banda ao Río á centralidade que merece na cidade”. O concelleiro significou a importancia destes 6,5 millóns, “que non se traduce nunha obra que falta por pagar como recibiu de herdanza este Goberno, se traduce en que vai a contribuir á integración de todos/as a que vivamos nunha Ribeira na os dereitos sexan dereitos e non favores”.
Os membros do executivo local aseguran que con este investimento sáldase a débeda histórica cun dos barrios que menos recursos económicos recibía.
Con este proxecto Ribeira non só transforma a súa fachada marítima, senón que reforza a súa identidade, aposta pola cohesión social facendo espazos de convivencia e avanza decididamente nese modelo de cidade máis sostible, verde e humana.
O proxecto fora aprobado no pleno celebrado en febreiro de 2025 tendo os votos a favor de BNG, PBBI, PSOE e abstención do PP.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.