
O xurado recoñeceu nesta ocasión a transformación integral do barrio da Pescadería a través das actuacións nos Cantóns, San Andrés e Compostela
A cidade da Coruña acaba de ser distinguida co Premio Cidades que Camiñan 2025, na categoría de cidade de máis de 100.000 habitantes, un recoñecemento outorgado pola Rede de Cidades que Camiñan a aquelas urbes que destacan pola súa aposta decidida por un modelo urbano máis humano, accesible e sostible.
Trátase da segunda ocasión na que A Coruña recibe este galardón, despois de que en 2022 fose premiada pola creación da Rolda Peonil. Nesta nova edición, o xurado destacou de forma unánime a transformación desenvolvida polo Goberno municipal no barrio da Pescadería, con actuacións de grande impacto no corazón da cidade como a reurbanización dos Cantóns, a reforma integral da rúa San Andrés e a peonalización da rúa Compostela.
O premio será entregado o vindeiro venres 17 de outubro, no marco do XII Congreso da Rede de Cidades que Camiñan, que terá lugar no Palacio de Congresos de La Línea de la Concepción, en Cádiz.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, manifestou o seu agradecemento por este novo recoñecemento, que consolida á cidade como referente en materia de mobilidade sostible e recuperación do espazo público: “Este premio confirma que estamos a avanzar na boa dirección, construíndo unha cidade pensada para as persoas, accesible e sostible, que pon no centro a calidade de vida da veciñanza. A transformación da Pescadería é un exemplo claro dese modelo de cidade que defendemos e que seguiremos impulsando”.
O xurado puxo en valor o carácter integral da intervención, nun espazo de grande centralidade e simbolismo para a cidade, onde conflúen actividade comercial, turismo e vida cotiá. Destacouse especialmente a combinación de distintos tipos de actuacións urbanas, desde rúas de convivencia ata a creación de novas zonas verdes e o impulso ao transporte público, recuperando espazo para a persoa peonil sen renunciar á funcionalidade urbana.
A candidatura presentada polo Concello, baixo o título “Pescadería, un barrio que se transforma para as persoas”, recollía as tres actuacións que están a redefinir este contorno urbano:
● A rúa Compostela, que pasou de ser unha vía dominada polo tráfico rodado a un espazo peonil de máis de 3.000 m² dedicado ao paseo, ao descanso e á actividade comercial.
● A reurbanización de San Andrés e a rúa Sol, cun investimento de 3,2 millóns de euros, que introduciu unha nova plataforma única, zonas verdes e máis de 80 árbores, mellora a accesibilidade e a seguridade.
● E os Cantóns, onde a peonalización iniciada durante a pandemia deu paso a unha ambiciosa intervención que suporá 9.500 m² de espazo público para a cidadanía, cun orzamento de 8 millóns de euros e conexión directa co porto.
Todas estas actuacións forman parte dunha estratexia urbana máis ampla liderada polo Goberno de Inés Rey, que aposta por gañar espazo público para as persoas, reforzar a mobilidade activa e o transporte público, e avanzar cara a unha cidade máis verde, segura e integradora. A intervención na Pescadería está ademais aliñada coa nova Ordenanza municipal de mobilidade sostible, coa Estratexia de Seguridade Viaria 2030 e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas.
O premio recibido en 2025 reforza o recoñecemento ao modelo urbano impulsado polo Goberno de Inés Rey, baseado na recuperación do espazo público, na mellora da mobilidade sostible e na transformación urbana orientada a garantir unha maior calidade de vida para a veciñanza.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.