Friday 10 de October de 2025

Arrancan os obradoiros de estimulación cognitiva de Neda


O Concello manterá aberta a inscrición ata completar todas as prazas

Esta mañá botaba a andar o programa de actividades de estimulación cognitiva do Concello de Neda, dirixido á poboación maior do municipio. A oferta municipal contempla os obradoiros de memoria, que arrincaban esta mañá, e o de “Mentes activas”, propostas que buscan ademais favorecer a interrelación social do colectivo. Aínda é posible apuntarse, porque quedan algunhas prazas vacantes.

Maiores de 65 anos son os destinatarios fundamentais das dúas iniciativas, incluídas no programa “Nedactívate”, e concibidas para manter activos aos participantes a nivel cognitivo, estimulando as súas capacidades mentais e fomentando, ao tempo, as relacións sociais para evitar situacións de soidade e illamento.

Os talleres de memoria, nos que se traballa especialmente a lectoescritura, desenvólvense todos os luns na Casa da Cultura, en dous grupos (o primeiro, de 9:30 a 11:00 horas, e o segundo de 11:00 a 12:30 h). Este último e máis o obradoiro “Mentes activas”, programado para os mércores na casilla do Puntal, entre as 16:00 e as 17:30 h, son os que contan actualmente con algunhas prazas vacantes.
Para participar nas actividades cómpre anotarse, de forma presencial no centro cívico de Neda, de luns a venres, de 9:30 a 12:00 h.

Deja un comentario