Saturday 23 de November de 2024

O Campo da Feria de Ordes, parada esta fin de semana para un punto informativo ‘Creative’ sobre drogadicción


A iniciativa está desenvolvida pola Mancomunidade de Ordes

Este vindeiro sábado, 2 de abril, o Campo da Feira de Ordes acollerá un punto de información sobre a prevención da drogadicción que estará operativo dende as 23.30 ata as 3 horas. Trátase dunha inciativa desenvolvida pola responsable de dita área da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes.
A dinámica de campo que se levará a cabo, e que xeralmente se sitúan en espazos de ocio nocturno, falarase de todo tipo de drogas, incluíndo as máis habituais como o alcohol, as denominadas de deseño e o cánnabis. O denominado programa ‘Creative’ vai especialmente dirixido a mozos e mozas entre os 14 e 24 anos, cos que tamén se abordarán aspectos asociados ás noites de festa como son os ruídos, a sucidade nos espazos públicos, o vandalismo etc. Todo isto enfocado baixo a perspectiva de redución de riscos, baseándose a concepción do traballo preventivo no respecto á autonomía das persoas e na liberdade persoal. Iso si, deixando ben claro que aínda que a decisión de consumir é tomada por cada persoa o mellor é non facelo, baseando o dito razoamento en información obxectiva e veraz e cun asesoramento desinteresado.
Para promover condutas responsables fomentaranse encontros entre os mozos e mozas no posto que se instalará especialmente para a ocasión. Dende este punto distribuirase material gráfico e folletos informativos, ademais de manter contactos e comunicación directa co público que ata alí se achegue.
O programa ‘Creative’ ten carácter gratuíto ao estar subvencionado pola Dirección Xeral de Innovación e Xestión de Saúde Pública (Consellería de Sanidade).Cada fin de semana sitúase en diversos puntos da movida galega para contactar co maior número de persoas posible, para o que se soen situar nas zonas habituais de botellón.
Ademais de aplicarse nas grandes cidades tamén se desenvolve en pobos e vilas que os equipos de prevención de drogodependencias consideren puntos de interese, tal e como decidiu a Dirección Xeral de Innovación e Xestión de Saúde Pública no caso da Mancomunidade de Ordes.