Friday 10 de October de 2025

A Xunta avanza na colaboración con ATA Galicia para atender as necesidades do colectivo autónomo e reforzar o seu papel clave no tecido pordutivo galego


— O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, xunto co secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, reuniuse co presidente de ATA Galicia, Rafael Granados, e co secretario xeral da federación nacional da entidade, José Luis Perea

— Subliñou o compromiso como administración facilitadora, reducindo trabas burocráticas e impulsando medidas como a orde de axudas unificadas para o colectivo, posta en marcha por primeira vez este ano cun orzamento superior aos 40M€

— Salientou o papel da Mesa do Emprego Autónomo, que o Executivo autonómico mantén activa para deseñar políticas útiles e realistas, con especial atención ás necesidades do territorio

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, mantivo unha reunión co presidente da Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) de Galicia, Rafael Granados, e co secretario xeral da federación nacional da entidade, José Luis Perea. O obxectivo do encontro foi avanzar na colaboración coa asociación e analizar as principais necesidades dun colectivo que en Galicia representa arredor do 20% das afiliacións.
Durante a xuntanza, González destacou o esforzo da Xunta de Galicia por apoiar de maneira transversal ao colectivo de autónomos, esencial no tecido produtivo galego e motor de sectores estratéxicos. Neste sentido, puxo en valor as políticas públicas que inciden en ámbitos prioritarios como a remuda xeracional, o emprendemento e o acompañamento personalizado a través da Rede de polos. Ademais, salientou o papel da Mesa do Emprego Autónomo, que o Executivo autonómico mantén activa para deseñar políticas útiles e realistas, con especial atención ás necesidades do territorio.

O conselleiro subliñou tamén o compromiso como administración facilitadora, reducindo trabas burocráticas e impulsando medidas como a orde de axudas unificadas para o colectivo, posta en marcha por primeira vez este ano cun orzamento superior aos 40 millóns de euros.

González lamentou a falta de apoio e iniciativas por parte do Goberno central, que continúa sen dar resposta ás principais demandas do colectivo de autónomos, entre elas as relacionadas coas formación, e insistiu na necesidade de que o Executivo estatal destine fondos específicos de formación para o emprego a este sector.

Deja un comentario