
A iniciativa, que conta co apoio do Concello, celebrarase do 10 ao 12 de outubro
O festival de danza na rúa Quincegotas celebrará a súa oitava edición a vindeira fin de semana, do 10 ao 12 de outubro. O Concello da Coruña apoia esta iniciativa que se desenvolverá este ano en catro escenarios urbanos e contará coa participación de catorce compañías. “Desde o Goberno de Inés Rey continuamos a achegar a cultura e a danza á cidadanía con propostas a pé de barrio como Quincegotas, un evento xa plenamente consolidado na cidade”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
O Quincegotas, o festival de danza na rúa da Coruña, volve un ano máis para sacar dos teatros ás mellores creadoras e intérpretes e achegar a emotividade e expresividade das pezas máis novidosas ao gran público, nunha xornada pensada para empapar alma e espírito de maxia.
Este ano o festival incorpora importantes novidades, ampliando as súas datas para abranguer tres xornadas completas de danza: venres 10, sábado 11 e domingo 12 de outubro. Ademais, multiplica os seus espazos, con catro escenarios urbanos: a escalinata da Domus,, a Praza da Fábrica de Tabacos, o Castelo de San Antón e a Cúpula de Eirís, convertida en espazo para novos creadores co apoio de Paideia.
En total, catorce compañías desenvolverán os seus proxectos ante o público para por en valor a danza contemporánea e a súa accesibilidade: O Conservatorio Nacional de Danza de Lugo, o Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña, Proyecto Pabellón, Ana Erdozain & Alba González, Laboratorio Escénico, Cia Carla Sisteré, Colectivo Glovo, Cía. Daniel Abreu, Daniel Lezso, Proyecto Larrua, ALÓproducións, Jandross Rodríguez, Jessica Castellón & Boris Orihuela e Andrea Castro encherán a Coruña de talento e movemento, invitando á veciñanza a achegarse á danza contemporánea cunha nova ollada.
A programación completa pode consultarse na ligazón: https://quincegotas.wordpress.com/
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.