
O Concello avanza co cronograma de traballos previsto, que agora chega ao Cantón Grande para actuar sobre a superficie que se peonalizou provisionalmente durante a pandemia
O Concello avanza coa súa folla de ruta para remodelar os Cantóns, unha ambiciosa intervención que, tras os traballos xa executados preto da Mariña e na contorna do Palexco, afrontará nas vindeiras semanas unha nova fase de actuación entre a rúa Santa Catalina e a contorna do Obelisco.
Esta nova fase arrincará o luns 13 de outubro e suporá afeccións destacadas en materia de mobilidade e transporte. Entre elas, o traslado provisional da parada de taxis e a estación de BiciCoruña máis próximas ao Obelisco, que se moverán ao Cantón Pequeno no contexto desta xeira de traballos.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, detallou máis polo miúdo a planificación prevista, nunha fase clave das obras nos Cantóns, xa que será nesta quenda cando sexan realmente visibles as primeiras actuacións de mellora preto do Obelisco, o corazón simbólico da cidade.
“Imos traballar na superficie que se peonalizou provisionalmente na pandemia. Concretamente, no sector que hai entre Santa Catalina e as inmediacións do Obelisco e a rúa Nova. Isto suporá modificacións provisionais nesta parte dos Cantóns, co traslado de servizos, mais moi preto de onde xa están habilitados, para evitarlles incomodidades ás persoas usuarias”, precisou Díaz. A reforma dos Cantóns forma parte dos plans de humanización que o Goberno de Inés Rey está a executar desde o ano 2019 en todos os barrios da cidade, e que aposta pola mellora da calidade de vida de veciños e veciñas con máis espazos verdes e mellor calidade urbana.
As paradas de taxis e autobús, así como as bases de BiciCoruña, no Cantón Pequeno O Cantón Pequeno será clave nesta reconfiguración do mapa de mobilidade nos Cantóns. Será alí onde se situarán tanto a parada de taxis como a de transporte urbano —a do Obelisco quedará anulada temporalmente e a prestación do servizo concentrarase nas paradas do Cantón Pequeno e a do Carreiro da Estacada, ambas as dúas operativas—e tamén as estacións de BiciCoruña.
Ademais, nesta fase da obra será cando se pechará definitivamente ao tráfico o acceso aos Cantóns desde Durán Loriga por Santa Catalina. Este treito pasará a ser totalmente peonil, para darlle continuidade a un percorrido natural desde a praza de Mina ata a rúa Real.
Por iso, a área de carga e descarga de Santa Catalina pasará a estar situada tamén na contorna do Cantón Pequeno, como alternativa temporal.
O acceso da rúa Nova aos Cantóns pecharase ao tráfico rodado
Tamén nesta fase haberá novidades con respecto á mobilidade pola rúa Nova, que se pechará ao tráfico rodado na súa conexión cos Cantóns. Si seguirá aberta ao paso de vehículos, tanto os de carga e descarga como os que van aos garaxes, con acceso e saída pola rúa de San Andrés.
Ademais, neste contexto das obras nos Cantóns tamén se pechará a rampla de saída do tráfico rodado no estacionamento do Obelisco, unha intervención necesaria para adecuar a superficie atendendo ao cronograma de traballos previsto.
Como vén sendo habitual desde que se licitou a remodelación dos Cantóns, o Concello informará nas súas canles oficiais e tamén de forma física, sobre o terreo, desta nova fase de obras, co obxectivo de resolver as dúbidas existentes.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.