
Este luns, 6 de outubro, celebrarase a primeira sesión con Halyna Kruk e Marga Tojo no auditorio do Centro Sociocultural Ágora
Este luns ás 20.00 horas arrinca no auditorio do Centro Sociocultural Ágora a 17ª edición do ciclo Poetas Di(n)versos. Por diante, as tres primeiras citas deste ciclo coa mellor poesía en galego e en calquera outra lingua do mundo, que a cidadanía poderá gozar un luns ao mes con acceso de balde ata completar capacidade. “O Goberno de Inés Rey promove este ciclo de tan alta calidade, que achega á cidadanía o mellor da poesía nacional e internacional e permite encher os espazos municipais de actividade”, sinala o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
Os días 6 de outubro, 17 de novembro e 8 de decembro serán as datas escollidas para o trimestre outonal de Poetas Di(n)versos, que máis tarde continuará ata xuño e que polo momento contará con algunhas das voces máis recoñecidas da poesía ucraína, india e arxentina, acompañadas por destacados/as poetas en lingua galega.
O ciclo de lecturas públicas fundado e dirixido pola poeta e xestora cultural Yolanda Castaño –recoñecida o pasado ano co Premio Nacional de Poesía– continúa a ser unha cita de referencia única en España pola súa regularidade, diversidade e alta calidade literaria.
Todas a lecturas ofrecerán folletos coleccionables coas biografías e poemas das persoas convidadas e emitiranse igualmente por streaming.
Halyna Kruk e Marga Tojo
A primeira cita será este vindeiro luns 6 con Halyna Kruk e Marga Tojo. Halyna Kruk (Lviv, 1974) é unha premiada poeta, narradora, tradutora e investigadora ucraína que, desde o seu debut en 1997, publicou sete libros de poesía, un volume de relatos e catro libros para público infantil. Foi recoñecida con numerosos galardóns dentro e fóra da Ucraína, entre eles o nomeamento como finalista do Premio de Poesía Griffin 2024 e do PEN America 2025, así como o Premio Sundara Ramaswamy, o Women in Art Prize 2023, o premio da Fundación Kovaliv 2022 e o premio ao mellor libro do BookForum 2021, entre outros.
A súa obra foi traducida a máis de 30 idiomas e publicada en antoloxías, libros colectivos e revistas literarias de países como Estados Unidos, Polonia, Lituania, Alemaña, Suecia, Dinamarca, República Checa, Italia, Estonia, Noruega, Colombia e China. Os seus títulos máis recentes son ‘Curso acelerado de cócteles Molotov’ (2023) e ‘Lost in Living’ (2024), que acadaron edicións bilingües nos Estados Unidos. Membro do PEN Ucraína, é tamén cocreadora de proxectos multimedia que combinan música e recital poético. Doutora en Literatura Barroca Ucraína (2001), vive en Lviv, onde imparte literatura barroca europea e ucraína na Universidade Nacional Ivan Franko.
Por outra banda, a escritora e xornalista compostelá Marga Tojo cultiva a poesía, o ensaio e, máis recentemente, tamén a narrativa. Como xornalista colaborou en medios como Nós Diario, Galicia Hoxe, Público, Altermundo, Revista Luzes ou Praza.
A súa produción literaria comeza coa poesía, marcada pola consciencia de clase e de xénero e pola súa linguaxe espida e directa. ‘Últimos bruídos’ (2016) foi un dos seus primeiros poemarios: unha ollada sobre o común, a política social e a conciencia crítica.
Con ‘Cara de velocidade’ (2018) –poemario premiado co Premio Internacional Cidade de Orihuela para nenos e nenas– achegou os seus versos ao público infantil e familiar. En 2021 publicou ‘Arder’, poemario no que reaparece a forza crítica e lírica sobre temas como o corpo, o territorio, o social e as tensións entre o persoal e o político.
Como ensaísta publicou ‘Maternidade fóra de catálogo’ (2018), un libro que aborda a maternidade dende unha óptica crítica. Recentemente, deu un paso novo coa novela ‘Sarela’, gañadora dos Premios SELIC 2024. Nesta obra mestura suspense e novela negra con retrato social contemporáneo.
Reshma Ramesh e Yamini Teresa Prabhu
O 17 de novembro será a quenda de Reshma Ramesh e Yamini Teresa Prabhu, dúas poetas de orixe india. Reshma Ramesh (Udupi, Karnataka, India) é unha poeta bilingüe que escribe en inglés e kannada, ademais de ser tradutora, activista e fotógrafa. É licenciada en Belas Artes e Fotografía, e realizou exposicións internacionais. A súa obra poética caracterízase polo seu compromiso social e político, dando voz aos oprimidos e marxinados.
Entre os seus libros destacan ‘Reflection of Illusions’, ‘Language of Shadows’, e ‘My Heart in Olympos’. O seu poemario ‘Mosaic of Memories’ foi galardoado como colección do ano nos premios Boao 2024. Un dos seus poemas exhíbese permanentemente nas ruínas da antiga cidade de Olimpos, en Turquía. Recibiu numerosos premios internacionais, como o Feminenartfest Honorary Award, o Indija Prol Poet Award (Serbia), e varios recoñecementos en India. Participa activamente en festivais literarios e é poeta residente en Kaavya Sanje, unha plataforma que promove a poesía en espazos públicos como parques, escolas e mercados.
Pola súa banda, Yamini Teresa Prabhu é unha pianista e poeta nacida en India, que reside en Galicia. Comezou os seus estudos musicais aos sete anos e trasladouse a España en 1999. Formouse no Conservatori de Torrent (Valencia), e posteriormente na Escola Superior de Música de Catalunya (Barcelona), onde se graduó en Interpretación de Piano. Realizou estudos de posgraduado en Maastricht (Países Baixos) e na Academia Gnessin de Moscova.
Ademais da súa carreira como intérprete, compuxo música para obras teatrais como MĀ, O poder do Cos, e publicou o álbum MĀ, O poder de decidir. É cofundadora do grupo Samudra Trío, co que gañou o Premio Martín Códax de Música Clásica e Contemporánea en 2022.
María Negroni e Noelia Gómez
María Negroni naceu en Rosario, Arxentina, en 1951. É poeta, ensaísta, novelista, tradutora e académica. Graduouse en Dereito na Universidade de Bos Aires e obtivo un doutoramento en Literatura Latinoamericana pola Universidade de Columbia. Actualmente dirixe a Mestría en Escritura Creativa na Universidade Nacional de Tres de Febreiro (Arxentina).
A súa obra abarca poesía, ensaio e narrativa, con títulos como ‘La jaula bajo el trapo’, ‘Islandia’, ‘El viaje de la noche’, ‘Archivo Dickinson’, ‘El corazón del daño’, entre outros.
Recibiu múltiples distincións, como a Beca Guggenheim, o Premio Internacional de Ensayo Siglo XXI, e o PEN Award ao mellor libro de poesía traducida. O seu estilo caracterízase por unha sensibilidade lírica profunda, influencias góticas e unha constante exploración da linguaxe como forma de pensamento e emoción.
Por último, Noelia Gómez Calvo naceu en Rianxo en 1995. É poeta e xornalista. Estudou Bacharelato de Artes Escénicas na Coruña, Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela, e realizou un máster en Estudos Comparativos de Literatura, Arte e Pensamento na Universidade Pompeu Fabra (Barcelona).
O seu primeiro poemario, ‘O xiro’ (2018), gañou o V Premio de Poesía Gonzalo López Abente. Nel aborda temas como a perda, a memoria, a identidade rural e feminina, e o desarraigamento. O seu segundo libro, ‘Desenfoque’ (2024), parte dunha experiencia persoal de enfermidade ocular e reflexiona sobre a fraxilidade do corpo e a contorna.
Participou en antoloxías como ‘No seu despregar’, ‘Poesía galega novísima’ e ‘Así fala Penélope’, e colabora en proxectos poético-musicais como ‘Xirando’, xunto ao músico Rui Grenha. A súa poesía inscríbese nunha xenealoxía feminista galega, con influencias de autoras como Xohana Torres, Xela Arias e Eva Veiga.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.