
O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou este venres 3 de outubro a resolución da Dirección General de Fondos Europeos (Vicepresidencia Primeira do Goberno e Ministerio de Facenda) na que figuran os proxectos que recibirán financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional aos Plans EDIL. Entre as 25 propostas aprobadas en Galicia está a presentada polo Concello de Carballo.
Carballo poderá facer fronte a un proxecto de case 11 millóns de euros, aínda que o obxectivo é acadar os 15 que figuraban na nosa proposta. “Digamos que se abre unha competición co obxectivo de intentar chegar ao 60% dos quince millóns, que é o tope que temos nestes fondos europeos”, explicou o concelleiro de Fondos Europeos, Iván Andrade, na comparecencia que realizou hoxe o goberno municipal tras coñecer a boa nova.
Iván Andrade cualificou o proxecto presentado polo Concello de Carballo como “serio, viable, moi ben programado, cuns obxectivos temporais moi ben definidos. Polo tanto, confiamos en ir cumprindo todos eses fitos, que son os que xa coñecemos: un novo espazo cultural, o edificio de entidades sociais, a reforma da Praza do Concello e da casa do concello, así como a unión urbanística entre o centro e eses novos edificios cultural e social. E ademais con moitas actividades paralelas para promocionar tanto a cultura como o traballo social que se fai desde o concello e as entidades, a promoción das feiras…”.
O concelleiro de Fondos Europeos estivo acompañado polo asesor da área, Daniel Barreiro; polos concelleiros Belén Lendoiro e Daniel Pérez e polo alcalde. “É un día de moita ledicia para o concello, e creo que é a mellor maneira de rematar a alcaldía de Evencio Ferrero”, rematou.
O alcalde, pola súa banda, agradeceu o traballo realizado por Iván Andrade e Daniel Barreiro, “que foron as persoas que máis tempo dedicaron a este proxecto”, e destacou “a colaboración e implicación tanto dos técnicos e traballadores do concello”. Carballo recibirá 6.547.727 euros dos fondos europeos, “a contía máis elevada que recibiu nunca o noso concello, e isto vai permitir que proxectos moi necesarios se poidan ir materializando no futuro inmediato”, dixo Evencio Ferrero.
“Carballo é un concello tremendamente vivo, con moitas iniciativas, e xa hai proxectos enriba da mesa que van continuar coa transformación necesaria do noso concello”, apuntou o alcalde.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.