Friday 22 de November de 2024

Éxito da xornada de clausura do programa “Adeus ríos, adeus fontes”


O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e a concelleira de Medio Ambiente, Mariela Aguilar, foron os encargados de inaugurar e pechar o evento, respectivamente
Ao redor de 250 alumnos/as de Primaria dos colexios Centieiras, A Xunqueira, O Ramo, Jorge Juan e Os Casais participaron esta mañá na plantación de árbores autóctonas coa que o Concello de Fene celebrou este ano de xeito conxunto o Día das Árbores, o Día da Auga e o Día da Poesía. O acto, organizado pola Concellería de Medio Ambiente, completouse cun pequeno recital de poesía que serviu ademais para homenaxear ao poeta Manuel María, ao que se adica este ano o Día das Letras Galegas.

Ao redor das dez da mañá chegaron os nenos/as participantes ao entorno do parque liñal de Vilanova, escenario desta actividade coa que se puxo o broche final ao programa “Adeus ríos, adeus fontes”. O acto comezou coa benvida do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e cunhas pequenas explicacións a cargo do enxeñeiro técnico agrícola que dirixiu a plantación, Antón Muñiz.

A continuación, organizados en grupos e coordenados polo persoal municipal de Xardinería e polos monitores/as contratados pola Concellería de Medio Ambiente, os nenos/as plantaron un total de 31 árbores de distintas especies. Ao remate desta primeira parte do acto, os nenos/as tiveron tempo para coñecer o entorno e participar en distintos xogos populares.

A xornada de clausura do programa “Adeus ríos, adeus fontes”, completouse cun recital poético, con versos de Manuel María, a cargo d@s alumn@s Breixo e Andrea, do Ceip Os Casais, Gabriela, do CPR Jorge Juan, Aarón (que leu un poema da súa autoría), do Ceip O Ramo, Roi, do Ceip Centieiras e Laura, do Cpi A Xunqueira.

A concelleira de Medio Ambiente, Mariela Aguilar, pechou o acto convidando aos rapaces/as a voltar no futuro ao parque de Vilanova para facer seguemento da evolución das árbores que prantaron e para profundizar no coñecemento das distintas especies que, dende hoxe, medran na zona.
O evento contou coa colaboración dun grupo de voluntarios/as de Protección Civil de Fene.

DÍA DA ÁRBORE NOS COLEXIOS DE FENE

Á par que se desenvolvía esta mañá entre Fene e Sillobre a plantación e o recital de poesía organizado polo Concello, os colexios que participaron no proxecto “Adeus ríos, adeus fontes” realizaron tamén ao longo da mañá -a nivel interno- distintas actividades para conmemorar o Día das Árbores, o Día da Auga e o Día da Poesía. En primeiro lugar, os/as alumnos/as realizaron unha plantación simbólica sobre unha árbore de papel de poemas alusivos ás tres efemérides. E para completar a xornada, ás 12 do mediodía (de xeito simultáneo), houbo tamén nos distintos colexios recitais de poesía para homenaxear a Manuel María.