
O Partido Popular de Arzúa lamenta que o goberno tripartito non votara decididamente a favor da moción popular presentada no pleno ordinario deste xoves, para dotar ao municipio de novo solo industrial, unha demanda histórica tanto por parte da Asociación de Empresarios da Comarca de Arzúa (AECA) como doutras empresas arzuás e foráneas.
Alternativa por Arzúa votou a favor mentres o BNG votou en contra, a pesares de que se comprometeu a comezar a estudar as opcións. O PSOE estivo ausente no pleno.
A proposta instaba ao Concello a abrir de inmediato negociacións coa Xunta e con Xestur para estudar as opcións máis viables: a fase 3 do polígono industrial, que presenta dificultades técnicas e económicas, unha zona próxima ou ben unha nova área, como pode ser en Pastoriza, na saída da A-54.
“O tripartito volve demostrar a súa falta de unidade, de sensibilidade co tecido empresarial e coas necesidades reais de Arzúa. Non teñen proxecto político para atraer empresas nin poboación, e seguen instalados na inacción. Iso si, dedican tempo e recursos a batallas ideolóxicas contra Altri ou a Mina de Touro, pero son incapaces de ofrecer alternativas reais que creen emprego e futuro no noso concello”, criticou o voceiro popular Rafael Rivadulla.
O PP insta ao goberno local a actuar agora, pois do contrario Arzúa perderá empresas e oportunidades en beneficio doutras localidades. “É incomprensible que, tendo unha situación estratéxica privilexiada no centro de Galicia, o goberno local non teña máis responsabilidade e máis ambición”, concluíu Rivadulla.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.