
O Grupo Municipal do BNG leva anos reclamando de forma contundente e continua un incremento da achega económica da Xunta de Galiza para facer fronte aos gastos derivados da condición de capital do país.
“Non podemos aceptar as críticas do PSOE local, que cuestiona a nosa suposta ‘pasividade’ cando levamos anos na primeira liña desta reivindicación”, sinala a alcaldesa nacionalista, Goretti Sanmartín. Recorda tamén que o BNG presentou propostas claras para que Compostela cumpra plenamente o seu papel como capital de Galiza e para demandar un financiamento á altura desta responsabilidade, tanto desde a Corporación municipal como desde o Parlamento galego.
Hai xa vinte anos, un estudo da USC situaba en 5,5 millóns de euros a cantidade que debería percibir Santiago pola capitalidade. En 2023, cando o BNG chegou á Alcaldía, encargouse un novo estudo, que se lle presentou inmediatamente á Presidencia da Xunta e que situaba estes custos en 8,6 millóns de euros.
Fronte a isto, a Xunta estabeleceu a achega para 2025 en 2,6 millóns de euros, “unha cifra claramente insuficiente para cubrir os custos xerados polos servizos que acolle a cidade para o conxunto do país”, tal e como sinalou a alcaldesa.
A cantidade ficou conxelada desde o seu estabelecemento en 2002, e incluso sufriu rebaixas, incumprindo os compromisos adquiridos polo daquela presidente Manuel Fraga e o previsto no Lei do Estatuto de Capitalidade.
Na primeira e única reunión co presidente da Xunta de Galiza, o 2 de outubro de 2023, a alcaldesa Goretti Sanmartín presentou este asunto como prioridade para Compostela e o presidente comprometeuse a revisar a contía e convocar, como marca a lei, o Consello de Capitalidade antes de finais dese ano.
O Goberno da Xunta non cumpriu con este compromiso.
O cativo incremento duns 300.000 euros acordado polo Goberno da Xunta non satisfai as necesidades nin é unha resposta aceptable para o BNG e as súa reiterada reivindicación nesta materia. Con todo, é moito maior que o resultado da pasividade que nesta cuestión manifestou o PSOE en toda a súa longa traxectoria de goberno compostelán.
En resposta ás declaracións do secretario local do PSOE Aitor Bouza, o BNG considera que o seu discurso “é máis unha estratexia oportunista que oculta a falta de compromiso real e de continuidade na defensa desta cuestión por parte do PSOE”.
Desde o BNG instamos ao PSOE a que deixe de dispersar responsabilidades e a que colabore para conseguir unha solución que beneficie a Santiago.
Ademais, o BNG denuncia que o Goberno da Xunta segue a demostrar un desprezo claro por Compostela, cunha achega económica insuficiente, a falta de resposta ás demandas municipais e o uso partidista dos recursos públicos.
“O BNG continuará defendendo os intereses de Santiago de Compostela, porque entendemos que ser capital non é só un título, senón un compromiso que debe traducirse en financiamento real e accións concretas”, conclúe Goretti Sanmartín.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.