Friday 03 de October de 2025

San Sadurniño investirá máis de 46.000 euros na detección e redución de perdas na rede de abastecemento


O Concello levará a cabo un novo proxecto de mellora, centrado nesta ocasión na substitución dunha tubaxe que lle dá servizo a parte do Casal e Cornide. Tamén se instalarán outros tres dispositivos de detección de fugas

 

O Concello de San Sadurniño licitará en breve un novo proxecto de modernización da rede de abastecemento co que se vai reparar unha das canalizacións principais que levan auga potable á zona de Cornide. A intervención consistirá na substitución de 450 metros de tubaxe no treito comprendido entre o cruzamento das estradas de Pedroso e Ortigueira e o aparcamento do Muíño do Pepe, un tramo que nos últimos anos sufriu múltiples roturas e que, de feito, ten case máis empates que segmentos en bo estado. Ademais, o plan prevé instalar tres novos contadores de caudal con emisores de datos que permitirán detectar fugas e consumos anómalos en tempo real tanto neste punto como noutros do centro urbano. O investimento total ascende a algo máis de 46.000 euros (IVE incluído), financiados cunha subvención de 38.000 euros procedentes dos fondos europeos NextGeneration.

O proxecto encádrase dentro do programa de melloras na rede de abastecemento que o consistorio vén desenvolvendo desde hai anos, consistente en buscar novos puntos de captación, modernizar a ETAP e ir renovando a rede de colectores xerais en dous sentidos: creando aneis que permitan sectorizar a distribución -algo importante para non ter que interromper o servizo en toda a rede cando hai avarías- e instalando aparellos que permitan detectar fugas de maneira remota.

Segundo explicou o alcalde, Secundino García Casal, estas intervencións son “fundamentais” para ofrecer un servizo de calidade, pero tamén “para asegurar unha xestión eficiente da auga, que é un recurso básico, e para acoutar de inmediato os puntos onde poida haber filtracións ao subsolo por roturas ou pequenas fendas nas tuberías”.

Neste sentido, o proxecto contempla instalar tres contadores de caudal noutros tantos puntos estratéxicos: diante da Casa do Concello, na esquina do Centro de Día e no Campo da Feira, ao pé da Capela de Belén. Estes contadores estarán dotados de emisores de impulsos e dataloggers que enviarán información ao sistema de telecontrol municipal para coñecer en tempo real o consumo de cada sector da rede, xa que se hai variacións anómalas o máis seguro é que sexa por causa dunha fuga nesa zona concreta. “Os contadores e dataloggers, que xa temos instalados noutros puntos da rede, axudan a actuar con máis rapidez ante calquera incidencia e a minimizar as perdas, que é un obxectivo prioritario para o Concello”, destacou García Casal.

A outra grande actuación prevista é a substitución de toda a condución que vai desde o cruzamento das estradas de Pedroso e Ortigueira até o Muíño do Pepe. Trátase dunha canalización de polietileno que, debido á súa antigüidade e á presión que debe soportar -está na parte máis baixa da rede-, sufriu numerosas roturas nos últimos anos. “Os continuos arranxos deixaron un tramo cheo de empalmes e reparacións puntuais que reducen a súa fiabilidade. De cada pouco temos que andar arranxando a canalización, con todo o que iso supón en perdas de auga e en gasto de man de obra”, explica o alcalde.

O novo tubo será de polietileno de alta resistencia con capacidade para soportar presións de ata 16 atmosferas e proporcionará unha maior seguridade no abastecemento para as tres vivendas da parte máis baixa do Casal e as situadas a un e outro lado da AC-862 en Cornide, aínda que este último lugar tamén pode servirse desde a condución que abastece a zona alta do barrio. A obra soterrará 450 metros de condución, que irá disposta na marxe dereita da estrada en sentido Ortigueira.

O alcalde subliñou a importancia deste proxecto no marco do compromiso do Concello cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS). En concreto, a actuación contribúe ao ODS 6, que promove a dispoñibilidade e a xestión sostible da auga e do saneamento. “Non se trata só de reparar unha tubaxe ou instalar novos equipos: é un paso máis para que San Sadurniño teña unha rede moderna, eficiente e respectuosa cos recursos naturais. A xestión sostible da auga é unha responsabilidade local, pero tamén global, e debemos actuar en consecuencia”, apuntou García Casal.

O rexedor avanza, ademais, que a redución de perdas de auga será un factor determinante para as economías municipais, xa que a lei autonómica sobre o ciclo da auga aprobada en 2022 introduce un gravame de 0,29 euros por m³ para aqueles concellos con perdas superiores ao 20%. “É unha penalización que a Xunta lles aplicará aos municipios que non cumpran a partir de 2027. Por iso é tan importante chegar a ese ano cos deberes feitos”.

O Concello agarda publicar en cuestión de días a licitación desta obra, que sairá a contratación pública por importe de 46.350,99, impostos incluidos. A Administración local, porén, só terá que asumir o custe final do ive, xa que o 100% do prezo base da obra -38.306,60 euros- está cuberto cunha axuda de Augas de Galicia nutrida co Plan estatal de Recuperación, Transformación e Resiliencia que se financia, á súa vez, cos fondos europeos NextGenerationEU.

Deja un comentario