Friday 03 de October de 2025

Inés Rey chama a construír unha intelixencia artificial útil á sociedade na apertura de Ecosystems 2030


A alcaldesa destacou o papel da cidade como referente europeo na innovación e puxo en valor proxectos como Allocate

A alcaldesa, Inés Rey, inaugurou esta mañá no Palexco a cuarta edición de Ecosystems 2030, un dos foros internacionais máis importantes sobre o futuro da tecnoloxía e a innovación, que se celebra durante dous días na cidade.

Na sesión de apertura tamén participou Omar Hatamleh, presidente executivo do foro e antigo director de innovación da NASA, que salientou a crecente conexión entre tecnoloxía, pensamento global e impacto social.

No seu discurso, Inés Rey defendeu a necesidade de situar a intelixencia artificial ao servizo do desenvolvemento humano: “A IA non está aquí para substituírnos, senón para axudarnos. E depende de nós decidir con que valores a formamos e con que propósito a despregamos”, afirmou.

A rexedora advertiu dos riscos dos sesgos e da reprodución de desigualdades nos sistemas automatizados. Tamén puxo en valor o papel da Coruña como cidade innovadora con políticas públicas aplicadas: “Non hai algoritmo que substitúa aos valores. A verdadeira innovación non é só técnica, senón tamén social, ética e política”.

A alcaldesa destacou especialmente o proxecto Allocate, co que A Coruña foi seleccionada como unha das 20 cidades máis innovadoras de Europa, entre máis de 110 candidatas, para recibir 4,4 millóns de euros do programa FEDER. Esta iniciativa permitirá aplicar solucións de IA á mobilidade ciclista, á recollida de residuos ou á xestión de incidencias, mediante un ecosistema local de innovación que inclúe ao Concello, o CITIC, o Clúster TIC e máis de 40 empresas galegas.

Programación de Ecosystems 2030

Ecosystems 2030 celébrase os días 3 e 4 de outubro e reúne a máis de 50 relatores internacionais procedentes de empresas como Google, HP, Mastercard, Airbus, Sony Music ou Logitech, ademais de representantes institucionais como a ONU, a UNESCO ou a AESIA. Entre os bloques temáticos destacan o futuro da IA, a medicina, o liderado, a creatividade, a sustentabilidade e as novas formas de investimento.

A xornada do sábado estará centrada en clases maxistrais impartidas por expertos como Noelia Amoedo, CEO de Mediasmart; Michael Lewrick ou Nikki Eberhardt, co obxectivo de achegar o coñecemento aplicado a profesionais, emprendedores e empresas locais.

Deja un comentario