
Ditos fondos suporán un 60% dos investimentos, que suplementará o Concello aportando o 40% restante, ata os 14,5 millóns de euros
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe de que o Concello contará con máis de 8,7 millóns de euros en fondos europeos para executar novos investimentos nos barrios dos Mallos e a Sagrada Familia.
Así o reflicte a resolución provisional do Goberno estatal ao abeiro da convocatoria para a asignación de senda financieira FEDER a Plans de Actuación Integrados de entidades locais, con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.
Isto permitirá que a cidade herculina teña máis músculo económico para acometer melloras en distritos que actualmente xa están a vivir unha profunda transformación. No caso dos Mallos, coa construción da intermodal, a reurbanización da avenida da Sardiñeira e a construción do novo viario de conexión coa avenida de Arteixo. E na Sagrada Familia, co avance da Rolda Peonil a través das rúas Sagrada Familia e Antonio Carballo, tamén en execución.
“Esta rolda de fondos europeos convocouse cunha perspectiva rexeneradora, máis específica sobre ámbitos concretos. Por iso focalizamos os investimentos en barrios populares da cidade como Os Mallos e a Sagrada Familia, onde a intermodal terá un efecto tractor moi importante e onde tamén hai proxectos moi madurados pola interacción e contacto coa veciñanza”, razoou a alcaldesa.
Varias das intervencións que se presentaron á convocatoria foron, precisamente, expostas e debatidas con moitas e moitos residentes do distrito. Por exemplo, nas charlas e eventos que se desenvolveron nos últimos meses ao abeiro do no marco do proxecto europeo URBACT COPE, concibido para abordar procesos de transformación urbana como o que plantexa para barrios como Os Mallos e a Sagrada Familia.
“Este foi un dos aspectos que máis se valorou á hora de puntuar a candidatura do Concello: o feito de que os proxectos xa tivesen unha exposición previa ante as veciñas e veciños.
Isto permite pulir as propostas, adecualas ás necesidades das persoas e facelo sempre cunha perspectiva de futuro”.
Neste sentido, o Plan de Actuación Integrada (PAI) presentado pola Coruña concibiuse para mellorar as infraestruturas de mobilidade, conectividade peonil e ciclista e apostar pola revitalización urbana do distrito, coa renovación de espazos públicos para facelos máis seguros e inclusivos. Tamén se buscará a integración de servizos públicos mediante as novas tecnoloxías, reforzar os equipamentos sociais, a eficiencia enerxética, a inclusión social, o apoio ao comercio de proximidade e o fomento do emprendemento local.
Tres bloques de acción
A candidatura da Coruña a esta convocatoria de fondos europeos estruturouse en tres eixos: ‘Conectando barrios’, ‘Renovando espazos’ e ‘Construíndo comunidade’.
O primeiro bloque contempla actuacións como a mellora de infraestruturas para a intermodalidade na avenida do Ferrocarril, entre a rolda de Outeiro e General Rubín. O segundo eixo inclúe actuacións como a humanización da rúa Vizcaya e a peonalización de Antonio Viñes, entre outras propostas.
E o terceiro eixo contempla intervencións de rexeneración como a renovación da pista multideporte Nosa Señora de Fátima, melloras no pavillón polideportivo municipal da Sagrada Familia e tamén no centro cívico dos Mallos, así como no mercado e o centro asociativo de Ramón Cabanillas.
Mais o proxecto non se sustenta únicamente en obras de mellora, senón tamén en iniciativas socioculturais e dixitalización que contribúan a visibilizar a identidade e historia de ambos os barrios.
Os fondos europeos acadados permitirán sufragar o 60% do custe dos proxectos previstos, cubrindo o Concello o 40% restante. Deste xeito, o investimento total previsto para Os Mallos e a Sagrada Familia ascende a máis de 14,5 millóns de euros.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.