
Aitor Bouza lembra que Borja Verea debe respectar a vontade da cidadanía e actuar en defensa de Compostela, tanto no Parlamento como no Concello, e advirte que o PSdeG nunca permitirá que o PP perverta o resultado electoral para chegar á Alcaldía.
O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, saíu ao paso das declaracións de Borja Verea sobre unha posible moción de censura no Concello de Santiago e advertiu que “o Partido Socialista non vai a facilitar nunca un goberno de dereitas na cidade”.
Bouza lembrou que a cidadanía xa expresou con claridade a súa vontade nas urnas: “A cidadanía de Compostela falou claro e meridiano. Dixo claramente que non quere que gobernara o señor Borja Verea”. Para o dirixente socialista, o popular é “o único que non asumiu o resultado electoral” e pretende chegar á Alcaldía “a calquera prezo a través dunha moción de censura”.
O PSdeG acusa ao PP de Santiago de querer manipular a vontade popular e advirte de que Verea carece de apoios sociais e políticos en Compostela. “Non tivo o apoio da cidadanía, senón que tampouco ten o apoio de ningunha forza política nesta cidade”, recordou Bouza, quen instou a abandonar inmediatamente “os intentos de perverter o resultado electoral que houbo nesta cidade”.
O secretario xeral das e dos socialistas composteláns tamén denunciou que estas manobras non son máis que un intento de distraer á opinión pública: “O que pretende o señor Verea, quizais, con esta manobra, é distraer realmente do que ocorre. Que é o que el vota no Parlamento, en contra, sempre, dos intereses de Compostela”.
Finalmente, Bouza reclamou coherencia ao líder popular: “Para ter o apoio da veciñanza de Compostela, o primeiro que ten que facer é defendela alí onde lle corresponde. No Parlamento de Galicia tamén, e, por suposto, no Concello cando se plantexan as cuestións importantes para a veciñanza”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.