
O Concello de Fene presenta un programa de actividades culturais, gastronómicas e interxeracionais que poñen en valor a historia do estaleiro e da cultura mariñeira
Conversas coa veciñanza, cantos de taberna, unha ruta gastronómica e un gran encontro interxeracional forman parte da programación que se desenvolverá ao longo de outubro
O Concello de Fene presentou esta mañá na Casa do Concello o proxecto Fene 1941, unha iniciativa que busca recuperar e poñer en valor a memoria viva do estaleiro e da cultura mariñeira, a través dun programa que combina identidade, memoria e participación cidadá. No acto participaron a concelleira de promoción económica, Ángeles Coira, e a axente de emprego e desenvolvemento local, Belén Souto.
A concelleira Ángeles Coira destacou que “este proxecto é unha oportunidade para recoñecer o papel das traballadoras e traballadores do estaleiro e das súas familias, pero tamén para implicar á hostalería, ás entidades e á veciñanza nun proceso compartido que reforza a nosa identidade e dinamiza a vida social e económica de Fene”.
Conversas abertas coa veciñanza
Ao fío da programación prevista para as próximas semanas, os martes 7 e 14 de outubro, ás 19.30h na Casa da Cultura, celebraranse dous faladoiros nos que veciñas e veciños de todas as parroquias compartirán lembranzas e experiencias arredor do estaleiro e da vida en Fene.
Estes encontros, de acceso libre, estarán moderados por Almudena Marcos, responsable do Museo do Humor Xaquín Marín, e permitirán recoller testemuños e anécdotas que forman parte da memoria colectiva local.
O estaleiro nas tabernas: ruta de tapas e música tradicional
As noites dos venres 10 e 17 e dos sábados 11 e 18 de outubro, de 20 a 22h, desenvolverase unha ruta de tapas con cantos de taberna. Participarán os locais O Enxebre, Arrecendo, Vagalume, A Ponte, Lembranza, CMIU Fene e Son da Cociña, cada un cunha proposta de tapa mariñeira ao prezo de 2,50 €.
O venres 17 esta ruta completarase cos cantos de taberna da Agrupación Liga de Amigos de Barallobre, e o sábado 18 cos de Son de Cantos.
Encontro interxeracional
O proxecto culminará o sábado 25 de outubro, ás 18h na ACRD O Pote de Maniños, cun encontro interxeracional que contará con inscrición previa a través da web municipal, que se habilitará entre os días 13 e 17 de outubro.
No acto presentarase un vídeo resumo dos encontros para recoller a memoria viva, un libro fotográfico, e inaugurarase unha exposición itinerante. O evento pechará cunha degustación de produtos do mar.
Actividades previas
Ao longo desta semana desenvolvéronse tamén sete obradoiros escolares dirixidos ao alumnado de 6º de primaria dos centros educativos de Fene, nos que Ricardo Martínez, xubilado do mar e ex-vicepatrón da Confraría de Barallobre, compartiu a súa experiencia e coñecementos. A actividade completouse cun obradoiro científico – práctico sobre deseño e flotabilidade de barcos.
Ademais, celebráronse tres sesións de formación coa hostalería local na escola de cociña fenesa iCook. Nelas o seu responsable, José M. Loureiro, traballou con pequenos grupos para incorporar produtos do mar ás súas cartas e elaboracións.
Financiamento
O proxecto Fene 1941 estase a desenvolver nos anos 2024 e 2025, e está financiado con fondos do Programa do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), a través do GALP Golfo Ártabro Norte, nun 70% pola Unión Europea e un 30% pola Consellería do Mar (Xunta de Galiza).
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.