
· Trátase dunha actividade posta en marcha entre as Concellerías de Servizos Sociais e Participación Veciñal.
· O proxecto arrincará o venres, 10 de outubro, cunha sesión piloto no centro sociocultural da Ribeiriña.
As Concellerías de Servizos Sociais e Participación Veciñal sumarán esforzos para pór en marcha Memoria dos Lugares. Trátase dun proxecto que involucrará aos máis maiores e co que se buscará un dobre obxectivo: dunha banda, estimular o envellecemento activo facéndolle sentir a estas persoas que a súa sabedoría popular é parte do patrimonio inmaterial do municipio e, doutra, recoller esas testemuñas para crear un auténtico mapa da memoria da Pobra. A concelleira de Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, o presidente da Asociación de Veciños Ribeiriña-Conchido, Samuel Domínguez, e a facilitadora do proxecto, Arantza Villar, presentaron, esta mañá, o programa.
Por medio da iniciativa recolleranse historias, costumes e lendas vinculadas co municipio cunha proba piloto na Ribeiriña (Postmarcos). A experiencia suporá non só a transmisión da historia por parte dos maiores, senón que se dará un paso máis: os relatos serán rexistrados en formato vídeo promovendo deste xeito a alfabetización dixital dos veciños e veciñas de maior idade. Máis adiante, o Concello valorará vincular esas gravacións á localización exacta onde acontece cada historia.
A iniciativa arrincará a vindeira semana cunha primeira sesión piloto no local social da Ribeiriña. Esta levarase a cabo en colaboración coa Asociación de Veciños Ribeiriña-Conchido o venres, 10 de outubro (17.30 horas), no centro sociocultural. Este encontro servirá como primeira toma de contacto do programa e nel explicarase en que consiste o proxecto e fixaranse, ademais, como e cando serán as seguintes dinámicas grupais, que se dedicarán xa á recollida destes relatos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.