Friday 03 de October de 2025

O Concello presenta o programa de actividades de reforzo para o alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria


 Foi hoxe, 3 de outubro, no baixo da Casa Consistorial e participaron as familias con nenas e nenos inscritos, sendo espectadores da representación teatral que amenizou a xornada.

 “Con esta iniciativa reafirmamos o noso compromiso coa educación, coa cultura e coa cohesión social. Queremos que este programa non só sirva para fortalecer coñecementos, senón tamén para ofrecer un espazo de acompañamento, motivación e crecemento persoal de todas as rapazas e rapaces participantes”, sinalou ao inicio do acto Sergio Platas, alcalde de Paderne.

O Concello de Paderne presentou esta tarde a programación de actividades de reforzo para o alumnado de Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Secundaria, cuxo obxectivo non só é poñer a disposición das rapazas e rapaces que o precisen de diversas aulas de luns a venres en horario de tarde para afianzar coñecementos en diferentes materias, tamén o feito de ofrecer un espazo de acompañamento, motivación e crecemento persoal.

Está financiado polo Concello de Paderne integramente, o que significa que será totalmente de balde para as familias e as modalidades nas que se poden matricular as nenas e nenos son: Inglés de Educación Secundaria, Matemáticas de Educación Secundaria, Matemáticas de Educación Primaria, Inglés de Educación Primaria, Técnicas de Estudo para 13 a 16 anos, Inglés de Educación Infantil, iniciación a Informática, perfeccionamento de Informática, Lingua Castelá para Educación Primaria e Lingua Galega para Educación Primaria.

Os horarios serán de tarde, desde as 16:00 horas ata as 20:30 horas e pódense consultar tanto nas canles oficiais do Concello. Aínda queda algunha praza libre polo que, quen aínda non se anotara, pode facelo nas oficinas municipais.

Sergio Platas, alcalde de Paderne, sinalou que “desde o Concello entendemos que investir en formación e en actividades de apoio é facelo no futuro do noso municipio. Por iso, agradecemos a implicación das persoas profesionais, das familias e das entidades que colaboran neste proxecto, sen cuxa labor non sería posible acadar os obxectivos que nos propuxemos”.

O rexedor tamén destacou que “con esta iniciativa reafirmamos o noso compromiso coa educación, coa cultura e coa cohesión social.” Ao finalizar a presentación, tivo lugar unha representación teatral para público familiar, facendo as delicias das familias presentes.

Deja un comentario