
Diversos concelleiros están a actuar fóra do marco legal
O grupo municipal Alternativa dos Veciños de Carral vén de presentar por rexistro unha solicitude de informe dirixida ao Alcalde e á Secretaria municipal, tras constatar que varios concelleiros e concelleiras están a exercer funcións propias do Goberno sen contar co correspondente decreto de delegación de competencias, tal e como esixe a lexislación vixente.
Esta situación xa fora advertida no pleno do pasado 10 de setembro, onde o grupo de Alternativa denunciou publicamente que o concelleiro tránsfuga estaba a asumir competencias de xeito irregular, sen que existise delegación legal ningunha. No mesmo pleno fíxose constar tamén que ningún edil pode exercer responsabilidades executivas sen unha delegación expresa e formalizada mediante decreto da Alcaldía.
Con todo, a día de hoxe, Alternativa dos Veciños ten constancia de que diversos concelleiros están a actuar fóra do marco legal, desenvolvendo funcións como:
Entrega de premios e representación en actos públicos
Participación en consellos escolares e reunións da ANPA
Representación do Concello en actos de inicio de tempadas deportivas
Xestión directa con técnicos e persoal municipal
Organización de actos culturais, incluíndo a apertura dos locais onde se celebran
Desde Alternativa dos Veciños esiximos ao Alcalde que aclare esta situación, que se cumpra a legalidade vixente e que se dean explicacións públicas sobre a actuación destes membros da corporación. A falta de transparencia e a asunción de responsabilidades sen cobertura legal constitúen un grave precedente que compromete o funcionamento democrático e institucional do Concello de Carral.
Alternativa dos Veciños reafirma o seu compromiso coa legalidade, a transparencia e a defensa dos intereses da veciñanza, e anuncia que seguirá fiscalizando a acción do Goberno municipal para garantir que se respecte o marco normativo e institucional.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.