Friday 10 de October de 2025

A choiva non pode coa Romaría de Santa Minia e tanto os romeiros como os devotos ateigaron Brión durante toda a mañá


A afluencia de persoas é moito maior que en edicións anteriores. As cinco polbeiras estiveron especialmente cheas durante toda a mañá e as visitas ao sepulcro da Santa tiveron ata 35 minutos de agarda

O alcalde de Brión estivo acompañado polo delegado do Goberno, o presidente da Deputación e o director de Turismo de Galicia, así como por alcaldes e concelleiros da contorna

Brión vive hoxe o Día Grande da Romaría de Santa Minia. Un Día Grande dos de verdade, pois sempre que o 27 de setembro coincide en sábado ou domingo o número de visitantes dispárase de xeito exponencial, especialmente pola chegada de romeiros procedentes de puntos máis alonxados da provincia e mesmo doutras provincias galegas. Así deron fe as ducias de autobuses aparcados ao inicio da avenida de Santa Minia, xusto ao saír da autovía Santiago-Brión, de excursións organizadas dende distintos puntos de Galicia.

E iso a pesar de que as previsións meteorolóxicas non se cumpriron desa vez e a choiva foi protagonista durante toda a mañá, incluso con refachos fortes coincidindo coa misa solemne. Máis iso non fixo minguar nin a devoción nin as gañas de festa dos presentes, que seguiron cumprindo coas tradicións desta romaría durante toda a xornada. Iso si, tamén fixo medrar o negocio da venda de paraugas nos postos do mercadiño, algúns mesmo por “milagre” subiron de sete a dez euros en apenas media hora.

Ese era precisamente o tempo medio de agarda para entrar no Santuario de Santa Minia. As visitas comezaron ás nove da mañá e desenvolvéronse con esperas medias de 15-20 minutos, que aumentaron a 30-35 coincidindo coa celebración da misa solemne. Así, milleiros de devotos cumpriron coa tradición de bicar o sepulcro onde repousa a santa, pasar sobre el as típicas estampiñas de Santa Minia para que lles dean sorte durante todo o ano e deixar ao seu pe as figuriñas de cera con formas de mans, brazos, cabezas, pernas… de acordo con aquela parte do corpo na que pidan a actuación de Santa Minia e que os devotos mercaran minutos antes nos postos que rodean a capela. Figuras entre as que tamén se inclúen animais, para pedir tamén a intercesión da Santa.

Coma en anos anteriores, e por razóns de seguridade, as candeas de ofrenda que traían os romeiros non foron depositadas na capela senón na casa reitoral, onde tiveron lugar as misas, que este ano estiveron tamén especialmente concorridas.

As cinco polbeiras que estiveron cheas desde a súa instalación e non deixaron de vender racións de polbo e de churrasco, a un prezo de 14 euros. Hoxe, Día de Santa Minia, a espera media para entrar nelas disparouse como non se lembraba nos últimos dez anos, chegando as colas ata a capela, por unha banda, e ata mediada a Carballeira, pola outra. Pola súa banda, as atraccións infantís ateigaron a finca fronte ao centro social polivalente, onde manteñen un horario inclusivo de 16:00 a 17:00 horas no que funcionarán sen son para facilitar a participación de persoas con diversidade funcional.

Entre esta parcela e o santuario de Santa Minia apostáronse varios food-tracks e preto de 150 postos de venda de rosquillas, roupa, chourizos, antigüidades, queixos, xamón ibérico, larpeiradas, licores, filloas, ferramentas, pulseiras, velas, imaxes relixiosas, música, zapatos, xeados… e paraugas, sen dúbida o produto estrela desta mañá. A música nas rúas brionesas correu a cargo do grupo de gaitas “Devagarinho” e a charanga Os Celtas, mentres a compañía galega Títeres Alakrán fixo unha ruada co espectáculo “O xigante Barriga Verde”, dentro do VIII Festival Monecadas. A sesión vermú correu a cargo da artista local Ruth Cundíns, no espazo reservado para as actuacións musicais, a carón das pulperías.

Autoridades

O alcalde de Brión, Pablo Lago, agradeceu o “extraordinario traballo que están a realizar os traballadores municipais, así como os membros de Protección Civil, Policía Local, Garda Civil, tanto de Brión como chegados doutras localidades, así como do persoal médico para que as festas se desenvolvan dentro da normalidade e sen ningunha incidencia”.

Lago Sanmartín guiou pola Romaría á comitiva oficial encabezada por Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia; Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña; e José Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia; a quen acompañaron tamén Julio Abalde, subdelegado do Goberno na Coruña; os deputados provinciais Antonio Leira e María del Mar García Vidal; así como alcaldes, concelleiros e concelleiras da comarca. Tras un paseo pola contorna, a comitiva participou nun xantar nunha das polbeiras.

Concerto de Budiño

Mañá domingo 28 de setembro amencerá co pasarrúas do grupo de música tradicional “@s Garuleir@s” e da charanga BB+, que se encargará tamén da sesión vermú. Pola tarde, pasarrúas coa agrupación musical tradicional “Tíralle do aire” e actuación da compañía francesa Pelele para pechar o Festival Monecadas. Será ás 18:00 horas na praza do Concello co espectáculo “La muerte de don Cristóbal”.

Ás 20:00 horas terá lugar un dos pratos fortes das festas: O concerto de Budiño, dentro da súa xira “Branca vela” e subvencionada pola Rede Cultural da Deputación da Coruña. A orquestra Panorama porá o broche de ouro aos festexos.

Deja un comentario