Friday 10 de October de 2025

A Xunta fomenta a Remuda Xeracional na xastrería, na aurivería e na sombreirería a través do Programa “Aprender na tradición, oficios e técnicas2


― A Fundación Artesanía de Galicia abre a convocatoria para os tres primeiros cursos 2025-2026 deste programa pioneiro que busca mellorar a profesionalización das persoas artesás en activo e contribuír á remuda xeracional nos oficios tradicionais

― Programados en Santiago de Compostela desde o próximo mes de outubro ata xuño de 2026, os cursos de perfeccionamento están impartidos polos artesáns Fernando Freire, Ricardo Rivas (Premio Traxectoria 2020) e Félix de Martín

― As solicitudes deberanse facer a través da web da Fundación Artesanía de Galicia e terán prioridade as persoas que participaran na edición anterior de cada curso

A Fundación Artesanía de Galicia acaba de abrir as inscricións para os tres primeiros cursos de formación do programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, que se desenvolverán durante o curso escolar 2025-2026. Trátase dos cursos de perfeccionamento de xastrería, impartido polo xastre Fernando Freire e polo seu oficial Ramón Lareo; de sombreirería, a cargo de Félix de Martín; e de ourivería, impartido polo ourive Ricardo Rivas, que resultou recoñecido co Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2020.

As inscricións para estas tres actividades deberase facer a través da páxina web da Fundación Artesanía de Galicia e terán prioridade aquelas persoas que xa participaran na edición anterior de cada curso. As prazas que queden libres serán para profesionais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía e para persoas que se estean formando nestes tres oficios, co obxectivo de atraer novos profesionais á artesanía tradicional.

Aprender da tradición. Oficios e técnicas é un programa pioneiro en España impulsado pola Xunta e orientado a mellorar a profesionalización dos artesáns que están xa en activo, atraer o talento mozo ao sector e contribuír á remuda xeracional nos oficios máis tradicionais. Iniciada a finais de 2023, trátase dunha estratexia pioneira enfocada a garantir o futuro do sector artesanal galego, como vertebrador do territorio e fixador de poboación especialmente no rural.

Entre os seus obxectivos principais atópase capacitar os artesáns e expertos en oficios artesanais para que poidan transmitir os seus coñecementos, facilitar a formación de novas xeracións interesadas en aprender estes oficios e técnicas, fomentar a comercialización de produtos elaborados por artesáns locais e sensibilizar a comunidade sobre a importancia da conservación dos oficios tradicionais, revalorizar e visibilizar os procesos artesanais vinculados aos vellos saberes para ofrecer novos valores e afianzar un sector artesanal competitivo capaz de aglutinar todo o talento artesán.

Detalles dos cursos
O 9 de outubro comezarán dous destes cursos de formación na Academia de Ana Prados, en Santiago de Compostela (rúa da Rosa, 36). Con oito prazas dispoñibles en cada un, realizaranse todos os xoves ata o 25 de xuño: o curso de perfeccionamento de xastrería, en horario de 9,30 a 13,30 h., e o de perfeccionamento de técnicas de sombreirería, de 15,30 a 18,30 h.

Mentres, o curso de perfeccionamento de técnicas de ourivería, para o que hai dez prazas, celebrarase todos os venres entre o 24 de outubro e o 27 de marzo no obradoiro compostelán de Ricardo Rivas (rúa do Río, 18. Meixonfrío), en horario de 10,00 a 18,00 h.

Dende o inicio do programa Aprender da Tradición no ano 2023 realizáronse outros cursos especializados na tapicería tradicional, na olería de Buño, na madeira, na confección de roupa, na pasamanería, na marroquinería, no tecido tradicional, na talla de acibeche e na forxa. Nos próximos meses irase completando a oferta formativa para o perídodo 2025-2026 co obxectivo de seguir a ampliar o abano de oficios tradicionais nos que asegurar a remuda xeracional.

Deja un comentario