Friday 10 de October de 2025

Belén do Campo participou na Carreira da Muller na Coruña para loitar contra o cancro e combater a violencia de xénero e as desigualdades sociais que sofren as mulleres


A delegada subliñou a importancia deste tipo de accións que, ademais de promover hábitos de vida saudables, contribúen a sensibilizar e dar visibilidade a causas sociais de gran relevancia

A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou este domingo na Carreira da Muller-Central Leitera Asturiana, unha das citas deportivas e solidarias máis multitudinarias da cidade, que reuniu a 8.000 participantes polas rúas coruñesas. O percorrido é de 6,3 quilometros e como en todas as edición os beneficios destináronse a entidades solidarias.

O evento, consolidado xa como referente no circuito de Carreiras da Muller, busca difundir a práctica do running e do exercicio aeróbico entre as mulleres de todas as idades, loitar contra o cancro, recadar fondos para promover a súa investigación e concienciar sobre a importancia da súa prevención anticipada, así como combater a violencia de xénero e as desigualdades sociais e educativas que sofren as mulleres en todos os ámbitos.

Durante a súa participación, Belén do Campo salientou a forza e o espírito de superación das miles de mulleres que encheron o Paseo Marítimo de cor rosa, solidariedade e ilusión. Tamén subliñou que este tipo de iniciativas son un exemplo de como o deporte pode servir como ferramenta para fomentar a igualdade, a saúde e a cohesión social.

A representante do Goberno autonómico destacou a importancia este tipo de accións que, ademais de promover hábitos de vida saudables, contribúen a sensibilizar e dar visibilidade a causas sociais de gran relevancia. Con esta edición consolídanse máis de dúas décadas de historia desta competición a nivel nacional e dous millóns de euros doados a distintas causas de investigación e loita contra o cancro, movementos sociais e deportivos en clave feminina.

A carreira contou coa colaboración de distintas entidades, asociacións e colectivos, que fixeron posible unha xornada deportiva e solidaria chea de emoción e participación cidadá.

Deja un comentario