Saturday 11 de October de 2025

A Xunta licita por máis de 111.600 € a adquisición dun novo equipo para o laboratorio de Medio Ambiente de Galicia para análises automatizadas máis áxiles


— O procedemento prevé o subministro, instalación e posta en marcha dun analizador de especies de carbono e nitróxeno total para o control de calidade das augas

— As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 3 de outubro

A Xunta afronta a modernización do equipamento do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia (LMAG) coa licitación, por importe de máis de 111.600 euros, IVE incluído, do contrato para o subministro, instalación e posta en marcha dun analizador de especies de Carbono e Nitróxeno total. Trátase de dispor dun novo equipo tecnolóxico que, recorrendo á combinación de diferentes metodoloxías, permitirá análises automatizadas máis áxiles e eficientes para determinar a calidade das augas e garantir a protección ambiental.
Deste xeito, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático impulsa que este laboratorio mellore o seu equipamento tecnolóxico para desenvolver as súas tarefas de coordinación de toma de mostras e análises químicas e biolóxicas que determinen a calidade das augas naturais superficiais continentais, mariñas e de transición e as augas subterráneas no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica de Galicia Costa.
O portal de Contratos Públicos de Galicia ten en curso o anuncio do procedemento aberto simplificado para a adquisición do equipo instrumental máis óptimo existente no mercado, tento en conta unha serie de condicionantes técnicos orientados a garantir que o laboratorio poida realizar análises máis áxiles e eficientes para cumprir os requisitos de calidade e os límites de cuantificación establecidos na normativa vixente.
A licitación do contrato fixa varias especificacións técnicas relacionadas coa medida e visualización do valor do carbono inorgánico total (TIC) non purgado no método de carbono orgánico non purgable (NPOC), coa oxidación termo catalítica a alta temperatura sen necesidade de cambio de catalizador para a análise de augas, o sistema de eliminación das sales precipitadas no tubo de combustión, o detector NDIR de radiación focalizada e a capacidade de analizar mostras de sólidos maiores de dous gramos.
Con estes requisitos búscase garantir un resultado correcto na análise das distintas especies de carbono e lograr mellores resultados nos estudos de mostras sólidas pouco homoxéneas coa posibilidade de analizar ata dous gramos, así como alongar a vida útil do analizador.
As empresas interesadas neste contrato poden presentar as súas ofertas ata o 3 de outubro e o prazo para cumprir coa subministro, instalación e posta en marcha do equipo analizador será de dous meses, contados a partir do día seguinte á súa formalización.
Por outra banda, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio climático adxudicou por máis de 49.000 euros e unha duración de 12 meses, o servizo de mantemento dos instrumentos analíticos Thermo Fisher Scientific existentes no Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia.

Deja un comentario