Friday 10 de October de 2025

O BNG de Culleredo reclama actuacións urxentes no Monte Costa tras o incendio


Solicita a limpeza da biomasa, o apremio ás propiedades incumpridoras e unha avaliación dos danos no Castro de Cillobre

O BNG de Culleredo vén de presentar unha solicitude formal dirixida ao goberno municipal para esixir actuacións urxentes no Monte Costa despois do incendio sofrido nesta contorna natural nas últimas xornadas, que afectou á proximidade de vivendas supoñendo un risco certo.

Durante unha visita realizada xunto á veciñanza de Cillobre, o portavoz municipal do BNG, Tono Chouciño, puido comprobar o estado de abandono e desorde forestal na zona, con numerosos vertedoiros incontrolados e eucaliptos asilvestrados que invaden camiños e mesmo as murallas do Castro de Cillobre.

“Agora que a zona afectada é un cúmulo de cinzas e madeira a medio arder, é imprescindible actuar con urxencia para evitar que se repita outro lume nas próximas semanas”, sinalou Chouciño.

A formación nacionalista lembra que, do mesmo xeito que se lles esixe aos propietarios particulares o cumprimento da Lei de prevención de incendios forestais, as administracións tamén están obrigadas a actuar nas súas propiedades, como é o caso da Deputación da Coruña —propietaria do monte— e do propio Concello, co que existe un convenio de xestión.

Así mesmo, o BNG denuncia que existen parcelas próximas ás vivendas para as que xa había requirimentos de limpeza, pero que non se executaron, segundo se lles comunicou aos veciños por problemas coas notificacións. “Tras ser alertados pola Garda Civil en plena madrugada ante o risco de ter que desaloxar os seus fogares, esas escusas xa non valen. A Administración ten medios e ferramentas legais para garantir a seguridade da veciñanza”, advirte o voceiro nacionalista.

O BNG solicita concretamente:

1. A definición e intervención inmediata nas parcelas de responsabilidade municipal, tanto do Concello como da Deputación.
2. A continuación dos procedementos de apremio sobre as propiedades privadas que non cumpriron coa obriga legal de tratamento de biomasa antes do 31 de maio.
3. A solicitude formal á Consellería de Cultura para avaliar os danos ocasionados ao patrimonio arqueolóxico do Castro de Cillobre.