
A XI Festa do Polbo de Palmeira deu comezo esta mañá cun pregón cheo de sentimento e poesía a cargo de Teresa Argibay, veciña e artista de Palmeira, que evocou a identidade mariñeira, cultural e gastronómica da parroquia e da súa xente.
No seu discurso, Argibay definiu Palmeira como “balcón da ría, terra e mar”, un lugar de encontro onde a Festa do Polbo cobra cada ano un significado especial. Referiuse á vila como unha “vila acolledora, farturenta, traballadora, empática, conciliadora e universal. De aquí ao mundo!”.
A pregoeira puxo en valor o polbo como produto estrela da gastronomía galega, lembrando que “o polbo á feira non é só un prato, senón parte da nosa cultura: reúne á xente arredor da mesa, crea ambiente de festa e representa o sabor do mar que tanto nos caracteriza”.
Tamén destacou a importancia económica e cultural do polbo, subliñando que a súa pesca e comercialización sosteñen emprego en sectores como a flota artesanal, as lonxas, a conserva e a hostalaría. Ademais, fixo unha viaxe pola súa presenza na arte, dende a cerámica minoica de Creta ata a cultura popular galega, onde se converteu en símbolo de tradición e identidade.
Rematou o pregón cun chamamento á festa: “Palmeirenses, palmeirensas, a festa empezou: música, maestro! Tentoso, polbeiro! Comede ben e bebede mellor, pero con sentidiño! Saúde e viva a undécima Festa do Polbo!”.
O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, quixo salientar que esta festa “é unha cita gastronómica no que se aproveita o momento para pasalo ben, reencontrarnos, xuntarnos arredor dunha mesa e gozar da amizade e da vida en común”.
Pérez Barral lembrou que este ano repartirase preto dunha tonelada de polbo preparado polo recoñecido polbeuro Manuel Veloso, ademais doutras opcións como empanadas, mexillóns ou churrasco, todo a prezos populares.
O rexedor puxo tamén en valor desta festividade: “A Festa do Polbo é para a veciñanza e para que Palmeira se encha cada agosto. É unha festa xa consolidada, referente gastronómico en Galicia, e tamén unha oportunidade para dinamizar a parroquia e poñer en valor os produtos do mar”.
Finalmente, convidou a veciños e visitantes a desfrutar da programación musical e do ambiente festivo: “desfrutemos do bo produto, da xente e destes momentos de alegría.