
— Destaca que o investimento permitirá a creación de 55 empregos directos, a maioría indefinidos
— Agradece a aposta pola nosa comunidade dunha empresa con potencia, capacidade e futuro
— A nova infraestrutura producirá proteínas a partir de legumes mediante procesos de biotecnoloxía e química sostible, e os subprodutos destinaranse a sectores como a acuicultura ou a nutrición de mascotas
— Segundo as estimacións, a planta estará plenamente operativa a mediados do ano 2026
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reivindicou hoxe Galicia como comunidade líder en produción nacional de proteínas grazas á nova planta de Curtis.
Durante a súa visita ás obras da primeira planta integral de produción de proteínas vexetais de España, promovida pola compañía In Proteins For All, o titular do Executivo galego agradeceu a aposta dunha empresa “con potencia, capacidade e futuro” por Galicia, e subliñou que se trata dun proxecto estratéxico “que hai que apoiar”, tanto para o concello como para toda a comunidade. O investimento total, próximo aos 19 millóns de euros, permitirá, tal e como destacou Rueda, a creación de 55 empregos directos, a maioría indefinidos.
A nova infraestrutura producirá proteínas a partir de legumes como fabas, garavanzos, lentellas ou chícharo mediante procesos de biotecnoloxía e química sostible. Ademais, os subprodutos transformaranse en ingredientes de alto valor engadido para sectores como a acuicultura ou a nutrición de mascotas, convertendo a planta nun exemplo de economía circular.
O presidente puxo en valor que esta iniciativa supón un salto cualitativo para a industria agroalimentaria galega e posiciona a Curtis como referente nacional na produción de proteínas, un sector en auxe, en colaboración coa planta veciña de Inleit.
O proxecto foi recoñecido pola Xunta como Iniciativa Empresarial Prioritaria en setembro de 2023, o que permitiu reducir á metade os prazos administrativos. Rueda explicou que a administración autonómica aposta pola innovación, a calidade e a axilidade na tramitación cando se trata de investimentos que reúnen os requisitos de xeración de emprego e “valor engadido”.
Neste sentido, o titular do Executivo galego salientou a importancia de poder transformar as materias primas galegas na nosa comunidade para reter a riqueza e potencial económico. Así, afirmou que “Galicia Calidade” tamén son este tipo de proxectos con futuro “que fan que o talento que temos aquí se reteña” e que se converten en “polos de atracción” doutras empresas.
Destaca o traballo da Oficina Económica de Galicia, recentemente presentada en Xapón, que acompañou de preto aos promotores desde o primeiro momento, e as novas liñas de apoio á innovación postas en marcha polo igape (incluíndo IA360, Igape Innova e Ticket Innova), dirixidas a empresas que apostan polas tecnoloxías punteiras e pola creación de startups.
A Xunta respalda este proxecto cunha achega global que supera os 9,5 millóns de euros, que se suma á implicación de investidores galegos como Hijos de Rivera e doutros socios internacionais, nun exemplo de colaboración público-privada que permitirá que planta estea plenamente operativa a mediados de 2026.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.