
O pleno ordinario deste mes de setembro en San Sadurniño saldouse cun alto consenso entre os tres grupos municipais na maioría dos temas para deliberación e acordo que ían na orde do día. Non houbo votos en contra da oposición, e naquelas cuestións de calado para a xestión municipal houbo acordo total entre BNG, PP e o edil socialista do Grupo Mixto. Foi o caso da renovación dos convenios da recollida de pilas e vidro e da solicitude dunha subvención á Deputación para rehabilitar a nave de Obras, que saíron adiante por unanimidade e sen ningún tipo de debate. As cuestións que coparon a maior parte da sesión -e que xeraron máis controversia- foron as mocións sobre os lumes e o cambio climático presentadas e aprobadas polo BNG e o PSOE (o PP abstívose en ambas), que comeron arredor de 45 minutos do total de 65 que durou a sesión.
A moción ao respecto dos incendios, presentada polo BNG, centrouse na vaga de lumes de agosto, unha das máis graves da historia recente de Galicia, para denunciar a “xestión neglixente” da Xunta e o fracaso dun modelo forestal baseado na expansión do eucalipto e na falta de recursos para a prevención.
Entre os acordos, o BNG propuxo a creación dun Fondo de Recuperación Xunta-Estado, con axudas directas de ata 200.000 € para a reconstrución de vivendas afectadas polo lume e de 6.000 € para persoas autónomas, pemes e economía social. Reclamou tamén un Plan de Emprego Verde para restaurar as áreas queimadas e recuperar a biodiversidade, así como unha moratoria inmediata para as novas plantacións de eucalipto.
A moción tamén demandou o incremento dos fondos de prevención, a profesionalización e reforzo dos servizos de extinción, coa creación de 70 brigadas móbiles, e a revisión das competencias sobre limpeza de biomasa, para que a Xunta asuma as tarefas subsidiarias cando haxa incumprimentos. A moción tamén pediu un plan de revitalización do rural con máis servizos e alternativas produtivas sostibles, así como a asunción de responsabilidades políticas en canto á xestión da vaga de incendios por parte do presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Durante o debate, o PP rexeitou apoiar a proposta por considerala “unha moción contra o Partido Popular”, aínda que coincidiu nalgunhas das súas reivindicacións. O grupo popular incidiu en que “a clave está na prevención”, que debe implicar ao Estado, á Xunta, á veciñanza propietaria de fincas e aos concellos “que limpan as pistas durante o verán, tarde mal e a rastro”.
O alcalde, Secundino García Casal, replicou sobre este último argumento que é a Xunta quen atrasa as limpezas viarias debido á tardanza na sinatura dos convenios económicos para facer eses traballos. “Téñense asinado os convenios en xullo e este ano asinouse a finais de maio” asegurou o alcalde, lembrando que as superficies conveniadas non poden rozarse antes de que eses convenios estean rubricados. Con todo, Secundino García Casal precisou que en San Sadurniño “os dous tractores” empezan a traballar xa na primavera para completar no ano polo menos dúas pasadas a todo o territorio. O alcalde tamén criticou o escaso financiamento da Xunta para estas tarefas “o Concello gasta uns 120.000 euros ao ano en limpeza viaria e a xunta dá 30.000, pouco lle importa a prevención”.
Ademais de retrucarlle ao PP, o alcalde interviu durante máis de dez minutos para repasar a política forestal da Xunta desde o ano 1989 até o presente e contextualizou o problema dos lumes actuais no cambio climático e nunha política forestal que fomenta a eucaliptización e que obvia a necesidade de crear condicións para o mantemento da poboación no rural. Secundino García Casal tamén acusou á Xunta de mentir cando anunciou recentemente o seu compromiso de asumir a limpeza das faixas secundarias de protección nos municipios de menos de 10.000 habitantes porque, dixo o alcalde, cumprir esa promesa “é materialmente imposible”.
A segunda moción, presentada polo PSOE e moi relacionada coa anterior, puxo o foco na emerxencia climática global e nas súas repercusións directas: ondas de calor, incendios forestais máis intensos ou episodios como a DANA de Valencia. O grupo socialista defendeu a necesidade de actuar con unidade, responsabilidade e visión de futuro, lembrando que o Concello xa forma parte do Pacto Europeo das Alcaldías polo Clima e a Enerxía Sustentable e conta cun Plan de Acción propio desde 2020.
O texto incide no papel fundamental dos concellos na prevención, restauración da paisaxe e adaptación ás novas condicións ambientais. Defende tamén o protagonismo das entidades locais e asociacións no deseño e avaliación das medidas, así como unha resposta colectiva baseada no coñecemento científico. Neste sentido, a moción insta ao Goberno de España “a manter e reforzar o seu liderado na loita contra o cambio climático a nivel internacional” e solicita da Xunta de Galicia a aprobación “o máis pronto posible” dunha Lei do Cambio Climático froito do consenso.
O PP expresou a súa abstención, levando o debate á xestión da DANA en Valencia e, máis en concreto, á recuperación das zonas afectadas. A este respecto, o Partido Popular de San Sadurniño pediu que o Goberno central “entregue as axudas da DANA, que van por un 16% despois dun ano. Falar de cambio climático, si, pero temos que ser responsables tamén cando falamos desto”. Pola súa parte, o BNG apoiou o texto e aproveitou para cualificar a xestión da catástrofe en Valencia como “unha vergoña do PP, cun presidente que non recibe ás vítimas nin asume ningún tipo de responsabilidade”. Con este posicionamento, a moción socialista saíu adiante grazas ao respaldo conxunto das dúas forzas progresistas.
Outros asuntos do pleno
O debate destas dúas mocións ocupou a recta final do pleno. Pero antes saíron adiante tres puntos principais da orde do día. Os dous primeiros foron os da adhesión municipal aos convenios marco para o xestión de pilas e vidro, que seguirán funcionando como até agora, é dicir, con empresas xestoras que se encargan da recollida e posterior tratamento destes refugallos sen que ao Concello lle implique ningún tipo de custe.
A sinatura destes acordos aprobouse por unanimidade, igual que a proposta de solicitarlle á Deputación da Coruña unha axuda nominativa de 127.000 euros para acometer a primeira fase de rehabilitación e integración paisaxística da antiga nave de Carnero, base operativa do departamento de Obras e Servizos.
O inmoble foi no seu día unha explotación avícola que o Concello tivo alugada durante anos, ata que neste 2025 puido mercala gracias a un crédito a oito anos sen xuros do IGVS. Xa como propietario, o consistorio pode por fin executar uns traballos que se centrarán inicialmente na substitución da cuberta de fibrocemento, na reparación dos paramentos exteriores e no adecentamento da parcela, deixando para máis adiante o acondicionamento interior e outras obras necesarias. O importe do proxecto ascende a 158.000 e a axuda da Deputación “que xa está comprometida”, segundo asegurou o alcalde na sesión, cubrirá o 80% do investimento.
Na sesión deste xoves tamén se lle deu o visto e prace á Conta Xeral de 2024 -BNG e PSOE a favor e PP abstención-. O Bloque repasou os distintos apartados -751.018,98 euros de fondos líquidos, 728.609,31 euros en remanentes de tesouraría e un resultado orzamentario axustado de 664.722,99 euros- e analizou o documento en clave política para destacar o “rigor e precaución” co que o Goberno local deseñou e executou as contas do pasado exercicio, pero tamén para volver reclamar a revisión do sistema de financiamento local, “especialmente o dos concellos máis pequenos”. O BNG criticou neste sentido que a Xunta “manteña conxelado” o Fondo de Cooperación Local a pesar da suba xeralizada de prezos e, en contraposición, louvou o papel da Deputación da Coruña “que aínda sendo máis pequena, financia máis e de maneira máis obxectiva”.
Preguntas
A diferencia doutras sesións, nesta o apartado das preguntas non foi foco de controversia. De feito abondaron oito minutos para que o alcalde atendese as dúas cuestións expostas. A primeira, do PP, sobre como vai funcionar o Punto Limpo Móbil que o Concello vai poñer en marcha proximamente. Secundino García Casal comentou que a idea é telo unha semana en cada parroquia, nos lugares máis concorridos, e dúas semanas diante da Casa da Cultura. O alcalde lembrou que o remolque ten carteis intercambiables, de modo que tamén se poderá utilizar en festas e outros eventos veciñais como unha illa de colectores móbil. En calquera caso García Casal precisou que proximamente se informará sobre as frecuencias e ubicacións deste novo servizo.
O PSOE, pola súa banda, interesouse por como vai levarse á práctica a vixilancia das faixas de protección por parte de SEAGA. O alcalde explicou que a empresa pública vai iniciar “en breve” o traballo de campo e inspección previa do territorio para proseguir despois coa tramitación dos expedientes por incumprimentos. Con todo, Secundino García Casal volveu mostrar o seu escepticismo sobre a capacidade da Xunta e de SEAGA para levar a cabo as limpezas subsidiarias en todo o territorio.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.