Friday 03 de October de 2025

O Concello renderá homenaxe o luns ao artista Francisco Miguel, asasinado polo réxime franquista en 1936


O programa inclúe un acto institucional en María Pita e unha cerimonia fúnebre no cemiterio de San Amaro, aberta á cidadanía

O Concello da Coruña homenaxea ao pintor Francisco Miguel Fernández Díaz co enterro dos seus restos mortais no cemiterio de San Amaro. A homenaxe suón a antesala do 90 aniversario do seu asasinato a mans das forzas fascistas en 1936. O seu corpo foi exhumado no ano 2023 pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica no cemiterio de Bértoa (Carballo), xunto co doutras tres vítimas da represión fascista, e agora recibirá sepultura digna na súa cidade natal.

“A Coruña é unha cidade con memoria e desde este Goberno municipal continuamos a lembrar a aquelas persoas que sufriron a represión franquista polas súas ideas”, indicou a alcaldesa, Inés Rey, que presidirá os actos. O programa conmemorativo celebrarase o luns 29 de setembro e inclúe un acto institucional no Palacio Municipal de María Pita e, a continuación, unha cerimonia fúnebre no cemiterio de San Amaro, ás 12.20 horas, aberta á participación de toda a cidadanía, para o posterior soterramento dos seus restos.

Este homenaxe enmárcase dentro das actividades xa iniciadas coa inauguración, a comezos de mes, da exposición dos debuxos do artista na Casa Museo Casares Quiroga. Conta coa colaboración da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), a Asociación Cultural Alexandre Bóveda (ACAB), así como doutras asociacións e entidades da cidade, do grupo de investigación sobre a súa vida e obra, da escritora Syra Alonso e da Deputación da Coruña, que promove tamén charlas arredor da figura de Francisco Miguel e de Syra Alonso. Francisco Miguel naceu na Coruña en 1897. Foi pintor, ilustrador, crítico de arte e libreiro, cunha traxectoria vencellada á vida cultural da cidade e aos movementos artísticos europeos e americanos. Entre 1921 e 1933 residiu en París, Cuba e México, onde mantivo relación con figuras como Diego Rivera, Frida Kahlo e David Alfaro Siqueiros. De regreso a Galicia,  asentouse en Oleiros, onde foi detido e asasinado o 29 de setembro de 1936 en Queo de Arriba (Carballo).

A cerimonia contará coa participación da Banda Municipal de Música da Coruña, que interpretará obras de compositores galegos como Marcial del Adalid, Juan Montes, Andrés Gaos e Chané, así como unha peza de Edward Elgar. Tamén terá lugar unha ofrenda simbólica de cunchas de viraventos. A homenaxe contará coa presenza de familiares do artista, desprazados desde México para recibir os seus restos.

O Concello convoca expresamente á cidadanía a participar nesta cerimonia fúnebre, aberta, que terá lugar no cemiterio de San Amaro, acompañando o regreso á cidade natal dun creador, intelectual e coruñés universal.

Deja un comentario