
Roberto Rey lamenta que “levamos 8 anos insistindo e seguimos igual”, polo que solicitará unha nova reunión coa Demarcación de Estradas do Estado en Galicia e co delegado do Goberno
Unanimidade do Pleno de Frades á hora de volver solicitarlle á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, entidade dependente do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, o arranxo dos numerosos problemas de seguridade viaria que presenta a N-634 ao seu paso polo concello de Frades.
Unha petición fundamentada nun informe da arquitecta municipal que denuncia que “o estado da estrada N-634, no seu paso polo Concello de Frades, no tramo urbano de Ponte Carreira presenta numerosos problemas que dificultan o tránsito pola mesma, así como que presenta problemas de seguridade viaria tanto para os vehículos como para os peóns”. Sobre a Ponte Vella que cruza o Río Tambre detalla que “encóntrase en mal estado de conservación e con moita maleza”, o que pon en perigo a súa integridade.
Así mesmo, volve a reiterarse que o acceso á cooperativa Central de Frades dende a N-634 “é moi difícil para os camións, que son de grandes dimensións e teñen que dar un xiro moi cerrado, en pendente cara a baixo e con pouca visibilidade da estrada que ven do núcleo de Ponte Carreira”. Ademais, denúnciase que a vía de servizo na proximidade das naves industriais en Céltigos ten un acceso moi perigoso, onde xa se teñen producidos algúns percances. Así mesmo, sinálase que o único tramo que está asfaltado nas vías de servizo presenta grandes fochancas.
Por outra banda, denúnciase que os pasos inferiores da estrada no lugar de Campoduro e Aboi teñen gran cantidade de barro e auga que dificultan o seu tránsito e que a vía de servizo próxima ao límite co concello de Mesía, que dá servizo a dúas vivendas habitadas, non conta cun acceso asfaltado, o que lle produce graves prexuízos a estes veciños. Finalmente, recóllese que “o único tramo asfaltado de ditas vías de servizo conta con grandes fochancas e o acceso que ten dende a estrada N-634 é moi perigoso”.
Incrumprimento dende 2018
O alcalde de Frades, Roberto Rey, lamentou no pleno que “levamos 8 anos insistindo e seguimos igual”. Así, lembrou que en marzo de 2024 o Pleno aprobara un acordo moi similar e que “so parchearon unha vía e limparon outra de zahorra”. O alcalde volve solicitar que se cumpra o acordo acadado entre o Concello de Frades e o Goberno Central en 2018, polo cal o Concello asumiría a titularidade da N-634 ao seu paso por Ponte Carreira a cambio do seu arranxo e da construción dunha senda peonil. Porén, en abril de 2021, o Goberno remitiuse a unha orde de 2013 para informar que estaba disposto a realizar a cesión, pero sen previo arranxo da estrada nin realización dunha senda peonil comprometida tres anos antes.
“Nós solicitamos o arranxo da estrada nas condicións que se fixaron no ano 2018”, apuntou Rey Martínez, quen adiantou que “volveremos pedir unha reunión tanto na Demarcación de Estradas do Estado en Galicia como co delegado do Goberno para volver a expoñer a situación e ver de buscar unha solución”.
Todos os grupos municipais amosáronse de acordo tanto co informe técnico como coas peticións a realizar. Para a voceira do BNG, Belén Pazos, a petición parécelle “estupenda, dan pena e hai que reclamar. É unha petición totalmente correcta”. Un punto ao que se sumou tamén o voceiro do PSOE, Enrique Astray, quen apuntou que “non se pode negar o evidente”.
Resto da sesión
O Pleno tamén aprobou, cos votos a favor do grupo de Goberno e as abstencións de PSOE e BNG, a adhesión do Concello de Frades aos convenios marco da Xunta en materia de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, pilas e acumuladores, e envases domésticos de vidro dun so uso. Finalmente, a moción tipo do BNG sobre as vagas de lumes en Galicia foi rexeitada polo PP que, se ben se amosou de acordo con algúns dos puntos manifestados polos nacionalistas, apuntou que non era o foro axeitado para debater esta cuestión, defendendo tamén a actuación do Concello de Frades en materia de prevención de lumes forestais.
“O Concello de Frades fai un importante esforzo na loita contra o lumes. Levamos anos participando no convenio contra os lumes e limpando cada ano unha 15 hectáreas de masas comúns, ademais de 300 km de pistas de monte, cando o convenio so pide 100. E o ano pasado emitimos 305 notificacións para limpeza de franxas”, detallou o voceiro do PP e concelleiro de Medio Rural, Manuel Ferreiro Marzoa.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.