
A Concellaría de Promoción Económica e Turismo presentou este xoves o proxecto C4S-Carballo pola Sostibilidade, un programa de formación para as empresas do sector que permita “conseguir un turismo de calidade que xere valor no concello”, como explicou o concelleiro Xosé Regueira na presentación da iniciativa. As 10 empresas participantes serán consideradas “as tractoras para o turismo que queremos para o futuro”, engadiu o concelleiro delegado da área.
A presentación do programa C4S xerou moita expectación e encheu a sala de formación do mercado municipal. Nesta primeira sesión falouse sobre a relevancia que ten actualmente a sostibilidade no desenvolvemento turístico, e como exemplo contamos co testemuño de Alejandro Sánchez, da empresa Abeiro da Loba, que compartiu a súa experiencia de negocio e asegurou que “formar parte dun ecosistema de empresas comprometidas que cumpren con certos estándares, cunha mesma carta de presentación, xera destino”.
Alejandro Sánchez animou aos asistentes a sumarse ao proxecto, xa que, na súa experiencia, a formación non só é aprendizaxe, senón que permite tamén coñecer outros negocios cos que colaborar e crear sinerxias. Abeiro da Loba, por exemplo, é o aloxamento dun paquete de experiencias da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas.
O programa C4S nace co obxectivo de facilitar e impulsar a integración da sostibilidade como factor diferencial e competitivo nos negocios locais do sector turístico de Carballo, poñendo en valor o patrimonio natural e cultural. C4S é un programa de difusión, formación, asesoramento, acompañamento e empoderamento para promover e facilitar a transición sostible como fonte de vantaxe competitiva para negocios turísticos. Estes son os obxectivos:
• Apoiar á hostalaría, aloxamentos e turismo activo na adopción de medidas sostibles
• Sensibilizar sobre o impacto e as oportunidades do turismo sostible nos negocios do sector
• Sentar as bases dunha rede de negocios comprometidos coa sostibilidade na vila
• Crear un espazo de diálogo entre os axentes do sector
• Reforzar a imaxe de Carballo como destino turístico sostible e de calidade, atractivo para un visitante máis concienciado.
O programa divídese en dúas partes: formación teórica colectiva e mentorización e asesoramento individualizado. No formulario de inscrición tes a información detallada.
Se tes un negocio vinculado ao sector turístico (restauración, aloxamentos e ocio activo, principalmente) en Carballo, aproveita e inscríbete. Tes de prazo ata o 9 de outubro: https://forms.gle/YzVgDRpgsaR5d9H5A
Para solicitar máis información sobre este programa, pode poñerse en contacto no número de teléfono 698170240 ou no correo electrónico c4scarballo@gmail.com
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.