
O Consello de Administración da Autoridad Portuaria aprobou os novos pregos, atendendo á resolución do Tribunal de Recursos Contractuais
As candidaturas deberán integrar equipos multidisciplinares, dado que se trata dun ámbito superior a un millón de metros cadrados nun entorno complexo e diverso
Á licitación realizada o 28 de maio presentáronse 11 candidaturas, cunha importante participación de UTEs que engloban a 36 empresas internacionais, nacionais e locais
O Consello de Administración da Autoridade Portuaria de A Coruña aprobou hoxe venres a nova licitación do Máster Plan de Coruña Marítima. O acordo será publicado nos próximos días no Diario Oficial da Unión Europea e na Plataforma de Contratación do Estado, e a partir de aí abrirase un prazo de 30 días naturais para que as empresas e profesionais presenten as súas candidaturas.
A licitación aprobouse coa unanimidade de todos os membros do Consello de Administración da Autoridade Portuaria, na que están representadas as administracións que forman parte da Comisión Coruña Marítima. Poderán presentarse todos os profesionais e empresas que estean interesadas, que deberán cumprir os requisitos de solvencia que esixe o procedemento e contar cos equipos necesarios para desenvolver o proxecto.
As bases da licitación manteñen a necesidade de que as candidaturas que opten a redactar o Máster Plan conten con equipos multidisciplinares, nos que haxa profesionais con experiencia en urbanismo, paisaxismo, arquitectura, hidroloxía, portos, ferrocarrís e mobilidade, entre outros ámbitos, dado que se trata de reordenar un ámbito superior a un millón de metros cadrados nunha contorna complexa e diversa. Ademais do Máster Plan en si, o adxudicatario deberá redactar numerosos documentos complementarios, entre eles a nova DEUP do porto interior, o Plan Especial do porto e a modificación do PXOM, ademais de estudos técnicos completos referidos ás implicacións ambientais, socioeconómicas, paisaxísticas ou hidrolóxicas, e tamén ás infraestruturas de transporte, usos portuarios, patrimonio, etcétera.
Así mesmo, as bases manteñen que polo menos un membro do equipo desenvolvese un plan ou proxecto de urbanización ou paisaxismo. En caso contrario, a candidatura non podería acceder á fase de avaliación.
Procedemento
A nova licitación da resposta á resolución do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais, por mor dos recursos que presentaran varios arquitectos.
O órgano especializado en contratación pública concluíu que o procedemento que guía a convocatoria é axeitado para un prego destas características, aínda que estableceu que debían xustificarse ou, no seu caso, retirarse, dous requisitos que se establecían aos proxectos e plans que se presenten para a avaliación da experiencia previa dos equipos: que as referencias estivesen localizadas en núcleos de poboación con máis de 150.000 habitantes, e a participación na redacción de proxectos de edificios dotacionais de máis de 100 millóns de euros.
Atendendo a iso, facilitarase o acceso ao concurso, que sairá de novo a licitación coa modificación destas cláusulas e a xustificación dos motivos relativos á experiencia necesaria.
Respecto á necesaria experiencia previa en cidades de máis de 150.000 habitantes, na nova licitación este requisito de solvencia establécese en poboacións de máis de 10.000 habitantes, baremo a partir do cal o Instituto Xeográfico Nacional considera como cidade a un núcleo de poboación urbana.
En canto ao segundo dos requisitos, poderán ser valoradas as referencias de proxectos en edificios dotacionais con orzamentos superiores a 5 millóns de euros.
A licitación que se realizou o pasado 28 de maio obtivera unha ampla concorrencia, cunha importante participación de UTEs (once en total), que engloban a un total de 36 empresas do ámbito internacional e local, así como de firmas nacionais con delegación na Coruña.
Prazos
O prazo estimado para seleccionar ao adxudicatario estímase nun máximo de 12 meses, polo que está previsto que o concurso estea resolto a principios do outono de 2026. A partir de aí, a empresa gañadora deberá presentar no verán-outono de 2027 o Máster Plan e todos os anexos e documentos complementarios.
Despois, unha vez que se empece a traballar sobre os desenvolvementos e as pezas concretas do ámbito portuario e ferroviario, iranse convocando concursos concretos para cada un dos espazos.
As bases do concurso, cun importe total de 3.015.000 euros, prevén dúas fases.
Nunha primeira fase, seleccionaranse un máximo de cinco candidaturas entre as ofertas que se reciban. Na selección teranse en conta a experiencia dos equipos en traballos previos, o currículo e os premios obtidos na súa traxectoria profesional. Búscase tamén primar a calidade e complexidade dos traballos previos, non a cantidade.
Cada unha das cinco ofertas será valorada con criterios que terán en conta a calidade técnica da proposta, a súa funcionalidade, os aspectos ambientais e os aspectos económicos. Nesta avaliación, da que sairá a adxudicataria do Máster Plan, o órgano de contratación apoiarase nun comité de expertos.
Acordos estratéxicos
O Máster Plan deberá cumprir cos catorce Acordos Estratéxicos aprobados pola Comisión Coruña Marítima, así como coas conclusións do proceso de participación cidadá. Os acordos recollen diversas medidas para reforzar a actividade portuaria, impulsar novas actividades económicas, mellorar a mobilidade na cidade e as conexións coa área metropolitana, construír equipamentos públicos, entre eles un edificio emblemático que caracterice a intervención, e potenciar as zonas verdes e a sustentabilidade en todo a área.
O Máster Plan abarcará todo o ámbito do porto interior, desde o dique de abrigo ata a dársena de Oza, e a estación de mercadorías de San Diego. Deberá ser ambicioso, innovador, propositivo e flexible, cun proxecto que reflicta a esencia da Coruña. Tal como recóllese expresamente nas Bases, a solución proposta debe ser “coruñesa”, que entenda a escala e o espírito da Coruña. Non se pretende importar solucións doutros sitios, aínda que alí fosen exitosas e sexa necesario o seu estudo, senón que se busca unha solución ad hoc para A Coruña, que entenda a alma coruñesa, a súa tradición, a súa historia e o seu genius loci.
Declaracións
Ao termo do Consello de Administración, o primeiro tenente de alcalde do Concello da Coruña, Jose Manuel Lage Tuñas, sinalou que “este é un proxecto de cidade que trasciende o mandato e no que todos temos acadado un consenso fundamental. Agora o que facemos é dotar a este proceso da máxima transparencia e da máxima participación para abrir este concurso a todos os profesionais que desexen presentarse”.
Pola súa parte, o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, engadiu que “xa na primeira ocasión houbo moita participación local, pero aínda queremos, na medida do posible, que se incremente ao máximo posible e que todo o coñecemento local que queira poda incorporarse”.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, subliñou tamén o compromiso do Goberno galego con este proxecto, indicando que conta “cun amplo acordo entre todas as institucións e cun maioritario respaldo da sociedade coruñesa, co convencemento de que Coruña Marítima servirá para dar un novo impulso ao porto coruñés e ao conxunto da cidade”.
Puertos del Estado mostrou, así mesmo, a súa satisfacción pola liña de consenso que mantén todo o proxecto de Coruña Marítima, que, engadiu o organismo estatal, “está enfocado de forma adecuada para acometer en los próximos años la gran transformación del puerto de A Coruña con criterios de calidad y sostenibilidad económica y social”. “Será una de las intervenciones más relevantes en entornos puerto-ciudad de todo el sistema portuario español, en la línea de los objetivos incluidos en el Marco Estratégico de Puertos del Estado, orientado a favorecer nuevos usos en los espacios portuarios y promover el desarrollo y la integración urbana para mejorar la calidad de vida en las ciudades marítimas”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.