Friday 03 de October de 2025

O Club de Xubilados de Lousame organiza unha andaina de Portobravo a Compostela polo Camiño a Santiago da Ría de Muros Noia


Serán tres etapas que terán lugar os domingos 5, 19 e 26 de outubro

O Club de Xubilados de Lousame, en colaboración co Concello de Lousame, organiza por segundo ano consecutivo unha serie de andainas polo Camiño a Santiago da Ría de Muros Noia. Unha viaxe aberta a toda a veciñanza de Lousame e da comarca que terá lugar ao longo de tres etapas que se desenvolverán os domingos 5, 19 e 26 de outubro.

A primeira delas terá lugar polo tramo lousamiá do Camiño: os 13 quilómetros que separan Portobravo e San Xusto de Toxosoutos. Terá lugar o vindeiro domingo 5 de outubro e as persoas participantes concentraranse ás 9:00 horas na praza do Concello, a onde os volverá traer un autobús unha vez rematada a andaina.

A segunda etapa terá lugar o 19 de outubro: 19 quilómetros entre Martelo e Bertamiráns. O punto de encontro será a praza do Concello de Lousame, ás 9:00 horas, dende onde sairá un autobús ata O Martelo, que os volverá a deixar en Lousame ao rematar a etapa.

Finalmente, o domingo 26 de outubro terá lugar a derradeira etapa entre Bertamiráns e a praza do Obradoiro, os 14 quilómetros que debe cubrir todos os peregrinos que fan a ruta marítima do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia. A saída volverá a ser ás 9:00 horas do praza do Concello, con volta ao rematar a andaina.

O prezo por participar en calquera das tres etapas é de 5 euros, que se aboarán o mesmo día da andaina. As inscricións están abertas no Club de Xubilados de Lousame, na páxina web www.bandoticket.com ou enviando un whatsapp ao 653 22 16 55.

Xubilados andaricas

Esta é a terceira andaina organizada polo Club de Xubilados de Lousame nos últimos anos. En 2024 organizou outras tres etapas coas que cubriron os primeiros tramos do Camiño a Santiago da Ría Muros Noia, con percorridos dende Porto do Son e dende Muros ata Noia. Iniciativas que tiveron unha media de setenta participantes. Este ano completarán esta ruta xacobea cubrindo as etapas entre Lousame e Compostela.

Ademais, a finais de 2022 e coincidindo coa celebración do Ano Santo Xacobeo, xa organizaran unha primeira andaina seguindo esta ruta xacobea. Unha andaina estruturada tamén en tres etapas e que tivo unha media de sesenta asistentes na súa primeira edición.

Deja un comentario