Friday 03 de October de 2025

A avenida da Sardiñeira reabrirase ao paso do tráfico rodado a inicios da semana que vén


O Concello está a traballar estes días nos cambios de sentido dos que se informou a veciñanza dos Mallos meses atrás, orientados a mellorar a mobilidade nas rúas interiores do barrio

A inicios da semana que vén, previsiblemente o martes, o Concello prevé reabrir ao tráfico a avenida da Sardiñeira, que afronta xa a fase final de traballos dunha reurbanización que supuxo un investimento de 1,5 millóns de euros co obxectivo de mellorar a mobilidade e reforzar a seguridade viaria na contorna da futura estación intermodal.

Tal e como avanzou hoxe a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, estes días estanse a executar os traballos de renovación do firme da calzada, paso fundamental para que pola avenida poidan volver a circular os vehículos. Se as condicións meteorolóxicas destes días son favorables para o avance dos traballos, a previsión dos servizos municipais é que a avenida se abra ao tráfico o vindeiro martes 30.
“Isto non quere dicir que xa rematasen as obras na avenida. Hai tarefas por concluír, pero entendemos que é necesario facilitar o tránsito a medida que imos cumprindo as fases de execución”, razoou a concelleira, que lembrou que, ao abeiro das conversas mantidas coa veciñanza dos Mallos, o Concello habilitará o xiro á esquerda cara á rolda de Outeiro na confluencia da rolda coa avenida da Sardiñeira.

En paralelo, melloras de mobilidade nas rúas interiores do barrio

As actuacións en materia de mobilidade no barrio dos Mallos non rematarán na avenida da Sardiñeira. Tras os estudos efectuados polo persoal profesional da área e as reunións mantidas coas e cos residentes no barrio, estes días xa se está a traballar na sinalización e no pintado dos cambios de sentido que entrarán en vigor este luns 29 nas rúas Francisco Catoira, Mariana Pineda, Borrallón e o treito de San Rosendo que conecta Francisco Catoira coa avenida da Sardiñeira.
“Estes días xa se foi informando a veciñanza mediante a colocación de carteis e avisos informativos, para facilitar e orientar as persoas residentes sobre as melloras de mobilidade que poremos en marcha a partir do luns”, indicou Díaz.

A concelleira apuntou que “con estas actuacións buscamos garantir novos accesos de entrada ao barrio e, desta forma, gañar conectividade interior e máis permeabilidade do tráfico rodado polos Mallos e A Sardiñeira”. Díaz apuntou que, “como pasa normalmente cando se acometen iniciativas deste tipo, haberá uns primeiros días de adaptación, mais confiamos en que esta actuación sexa favorable para as persoas residentes ou que circulan frecuentemente polo barrio”.

Deja un comentario