Sunday 02 de November de 2025

Volven os campamentos dixitais da Fundación Esplai á Aula CeMIT de Carballo para seguir formando á rapazada de 9 a 13 anos


Á vista da boa acollida que tiveron os campamentos dixitais realizados ao longo do verán, este curso volvemos contar coa Fundación Esplai para seguir mellorando as competencias dixitais da rapazada carballesa. De outubro a decembro celebraranse na Aula CeMIT unha nova rolda de campamentos para nenos e nenas de 9 a 13 anos de idade que non participasen en convocatorias anteriores. As sesións formativas realizaranse os martes e os venres, de 17.00 a 19.00 horas.
Os campamentos forman parte do proxecto CRI-TIC, que ten como obxectivo mellorar as competencias dixitais da rapazada, e permitirán aos participantes aprender a manexar de xeito responsable e consciente a tecnoloxía e as redes sociais, a contrastar a información, a previr o ciberacoso e a mellorar a súa seguridade na rede. Ademais, descubrirán a robótica, as posibilidades da intelixencia artificial ou da realidade aumentada, entre outras moitas aplicacións.
Cada participante realizará un itinerario formativo de 30 horas, polo que recibirá o correspondente diploma acreditativo.
As familias interesadas deben dirixirse ás oficinas municipais do Fórum Carballo, de 10.00 a 13.00 horas, para formalizar a alta na Aula CeMIT e a inscrición no campamento.