Saturday 11 de October de 2025

O servizo atende 294 atencións ligadas a 205 casos e rexistra 42 incidentes de odio, 33 deles agresións, encadeando tres anos de descenso


Nereida Canosa: “Blindaremos dereitos e aplicaremos a lei, ao tempo que pedimos actualizar a Lei 2/2014 de Galicia”

O Goberno municipal presentou hoxe o sétimo informe do Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia, recurso xestionado pola entidade ALAS A Coruña. O documento recolle 205 casos atendidos en 2024 a través de 294 atencións (case catro novos casos por semana), dos que o 20,59% están vencellados a incidentes de odio (42 en total, 33 cualificados como agresións), con lixeira baixada respecto de 2023 e terceiro exercicio consecutivo de descenso.

No plano local, A Coruña concentrou 18 incidentes (14 agresións). Por quinto ano consecutivo, a vía pública é o principal escenario, seguida dos espazos domésticos e de lecer. O informe non rexistra agresións sexuais en 2024 e documenta unha caída de oito puntos nas agresións físicas e verbais fronte a 2023.
A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, lembrou que “fronte aos discursos de odio, o noso deber é claro: blindar dereitos e aplicar a lei. A Lei 4/2023 e o RD 1026/2024 marcan un marco que cómpre facer efectivo no emprego, na educación, na saúde e na rúa. Porén, Galicia precisa actualizar e dotar a súa Lei 2/2014 para estar á altura”.

A concelleira detallou tamén liñas de traballo inmediato: reforzo da coordinación con Policía Local e co sector hostaleiro; campañas específicas e consolidación de puntos seguros en eventos; e promover unha alianza coa comunidade educativa para actualizar protocolos e formar ao profesorado.

O informe avala a confianza comunitaria no servizo: o 44% dos primeiros contactos son por teléfono e máis do 70% chegan por canles xestionadas pola propia comunidade; o 58,50% das atencións correspóndense con persoas residentes na cidade. O 74,1% das persoas atendidas ten nacionalidade española, con presenza doutras 20 nacionalidades. Canosa, acompañada hoxe pola presidenta de ALAS A Coruña, Ana G. Fernández, subliñou que “este Observatorio sostense cun convenio nominativo municipal. O Goberno de Inés Rey garantirá a súa continuidade, ao tempo que reclamamos corresponsabilidade doutras administracións”.

O Observatorio, creado en 2017 co apoio do Concello e único en Galicia, continúa a achegar unha radiografía rigorosa para orientar políticas públicas de prevención, acompañamento e resposta, en coordinación co tecido social e comunitario.