
Os tres concellos concorreron xuntos a unha subvención autonómica que financiará o 50% do investimento, que ascenderá a 684.000 euros
A proxectada zona deportiva de Montegolf aumentará así a súa oferta de ocio e deporte dando servizo aos usuarios dos tres municipios
Os concellos de A Coruña, Arteixo e Culleredo veñen de obter unha subvención de 342.000 euros que financiará a metade do investimento necesario para acondicionar a zona deportiva en Montegolf, un espazo limítrofe cos tres municipios e onde as partes implicadas acordaron facer unha inversión de 642.000 euros para a creación dunha zona deportiva que atenda as necesidades dos veciños dos tres concellos que viven nas inmediacións.
Neste sentido, a Xunta de Galicia, a través da Fondo de Cooperación Local, resolveu asignarlle aos concellos de A Coruña, Arteixo e Culleredo unha achega de 342.361,65 euros para contribuír á rehabilitación e modernización do complexo deportivo de Montegolf.
O orzamento do proxecto ascende a un total de 684.723,30 euros, e os concellos da Coruña, Arteixo e Culleredo achegarán a metade do investimento previsto.
Os tres municipios están a cooperar para coordinarse na rehabilitación e ampliación do complexo deportivo Montegolf. Aínda que ubicado no termo municipal de Arteixo, o espazo deportivo, na Zapateira, linda tamén cos outros dous municipios implicados, aos que tamén dará servizo.
O complexo deportivo foi cedido ao Concello de Arteixo pola empresa Riofisa tras un acordo destinado a resolver o abandono de unha instalación privada que foi afectada pola crise do 2008. Co novo proxecto, aumentará os servizos previstos inicialmente tras un acordo ao que teñen chegado os concellos de A Coruña, Arteixo e Culleredo, para crear unha gran zona deportiva en este lugar limítrofe entre os tres e que polo tanto dará servizo aos veciños dos tres concellos que viven a escasos metros uns de outros.
A implicación dos tres concellos, con aportacións económicas de cada un deles, permitirá ampliar o complexo e mellorar a proposta inicial para dita superficie. O complexo deportivo contará cun edificio principal con vestiarios, aseos, espazos polivalentes e zonas exteriores verdes nas que se integrarán varias pistas deportivas e unha piscina ao aire libre. As actuacións previstas centraranse en obras de rehabilitación, reparación, ampliación e modernización do equipamiento, substituíndo, as actuais pistas de pádel por pistas multideporte que favorezan as actividades de dinamización e práctica de distintas disciplinas, devolvendo a funcionalidade ao complexo e aumentando os servizos previstos inicialmente.
“Este proxecto é un bo exemplo de coordinación entre concellos para ter un equipamento deportivo compartido e que sexa útil aos cidadáns na Coruña e área de influencia. Os veciños e veciñas non entenden de fronteiras administrativas entre concellos, e nós como Goberno municipal vemos útil entendernos cos concellos limítrofes porque a Gran Coruña constrúese con cooperación e diálogo”, indicou José Manuel Lage, concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal.
Pola súa banda, o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, sinalou que “a colaboración entre varios concellos permitirá optimizar os servizos que se ofrezan nesta zona deportiva e que exista na instalación unha oferta de ocio máis completa da prevista inicialmente”.
Ademais, o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, apuntou que a suma de esforzos entre os tres concellos e a Xunta permitirá ofrecer á cidadanía unhas infraestruturas deportivas modernas ao carón da súa vivenda. Resaltou que os tres municipios veranse beneficiados do que é un exemplo de cooperación institucional.