Saturday 11 de October de 2025

Tres agrupacións musicais participan este sábado na Casa da Cultura de Neda no Festival de rondallas


Apenas vinte días despois da última edición do certame da Canción Mariñeira, a Casa da Cultura de Neda acolle esta fin de semana un Festival de Rondallas, organizado polo Centro cultural recreativo e deportivo El Puntal e máis pola Rondalla Añoranzas.

O cartel desta cita musical, prevista para o sábado 27, a partir das 19 horas, inclúe nada menos que a actuación de tres destes tradicionais conxuntos musicais, procedentes de distintos puntos de Ferrolterra e do Ortegal.

Así, o público que asista ao encontro poderá desfrutar das interpretacións da Rondalla de Cariño, que este ano celebra o seu trinta aniversario; as da citada Añoranzas, decana das rondallas ferrolás (1983) e, como non, as da nedense Lucero del Alba, agrupación cuxa historia se remonta a mediados do anos sesenta.

O festival, que constitúe unha nova oportunidade para pór en valor o patrimonio da música popular, é totalmente de balde e conta coa colaboración do Concello de Neda e da Deputación da Coruña.