Construirase un tramo de 40 metros cun investimento total de 21.300 €, o que incrementará a seguridade dos transeúntes
O Concello de Ordes vén de iniciar as obras para a construción dun tramo de 40 metros de beirarrúa da rúa Reverencia. O proxecto especifica en 1,80 metros o ancho, a base de bordo de granito e baldosa de formigón vibrado. O orzamento total ascende a 21.300 €.
Trátase dunha obra moi demandada pola veciñanza e que posibilitará o tránsito peonil pola zona de xeito seguro. Tras esta intervención toda a vía pública contará con beirarrúas que evitarán que os transeúntes teñan que rematar o seu traxecto pola mesma vía pola que circulan os vehículos que veñen ou se dirixen á rúa do Recreo. Os traballos iniciaranse no punto exacto no que remata a beirarrúa construída ata o de agora. A memoria do dito proxecto contempla tamén a reposición do pavimento afectado pola execución das obras.
Precisamente esta mañá a concelleira da Obras e Infraestruturas, Beatriz Martínez Candal, visitou a zona para manter un contacto in situ cos técnicos encargados da obra.