Thursday 02 de October de 2025

O Concello de Ortigueira lamenta o comunicado do Comité de Empresa e pon en valor a “importante mellora das condicións do SAF” no último mandato


O Concello de Ortigueira non comprende o obxectivo do comunicado emitido polo Comité de Empresa respecto ao estado do persoal do Servizo de Axuda non Fogar municipal. O alcalde, Valentín Calvín, ao que se acusa directamente de exercer un “trato vejatorio” contra o persoal, lamenta os termos do escrito publicado polos traballadores e pon en valor a mellora das condicións do persoal desde que asumiu a alcaldía de Ortigueira no ano 2023.
“Cando accedemos á alcaldía, atopámonos un servizo no que os traballadores e traballadoras levaban 2 anos sen vacacións, sen roupa e sen material adecuados, algo que emendamos desde o meu goberno”, afirma o rexedor. Destaca ademais a mellora das condicións laborais dos traballadores e traballadoras desde 2023, xa que se reforzaron con catro persoas máis e recentemente estabilizáronse todas as prazas desta área. “Este goberno reuniuse en varias ocasións con representantes do persoal para tratar de mellorar a súa situación, algo que se conseguiu. É certo que a situación non é idílica, pero negar que mellorou considerablemente é mentir”, asegura.

Ademais, desde que Calvín accedese á alcaldía, puxéronse en marcha diversas iniciativas complementarias para seguir mellorando o SAF. Algúns exemplos son os obradoiros de emprego no ámbito sociosanitario ou o Ciclo Medio de Atención a persoas en situación de dependencia que se imparte no IES de Ortigueira. Ambas as formacións buscan retroalimentarse co SAF e fomentar a formación neste ámbito na zona, tendo así máis profesionais dispoñibles.

O alcalde subliña que “traballamos a diario para mellorar a situación do persoal de Servizos Sociais, incluíndo por suposto ao do SAF” e lembra que Ortigueira é dos poucos municipios que segue xestionando de forma directa esta iniciativa, a diferenza doutros que optaron pola privatización.

Valentín Calvín afirma “descoñecer os motivos polos que se decidiu lanzar agora este comunicado, xa que, mentres os traballadores e traballadoras estiveron dous anos sen poder gozar das súas vacacións, non houbo nada semellante respecto diso”. Cualifica de “grave erro” o momento de facer públicas estas declaracións, entendéndoas como unha “chantaxe” cando “coñecen que mañá — 3 de outubro — temos unha reunión para tratar o asunto”. Reitera que “hai vontade, tanto política como persoal, tanto miña como do meu equipo de goberno, para seguir mellorando, como se foi facendo desde que accedemos á alcaldía de Ortigueira, a situación do SAF”.

Por último, o rexedor ortegano asegura que o argumento de que non se fixo nada para reforzar o persoal é “rotundamente falso”. “Non recoñecer o noso esforzo por mellorar as súas condicións é negar a realidade, e vese reflectido nas nosas accións”, afirma, ao que engade que “é imposible paliar a falta de persoal cando, nos últimos dous anos, a media de persoas de baixa neste servizo rolda as 12 persoas nun persoal de 35, chegando mesmo a picos de 15 persoas de baixa simultaneamente, máis dun 40% do persoal”.

Deja un comentario