Saturday 16 de November de 2024

San Sadurniño intégrase como socio fundador en Seitura 22, a entidade que aspira a xestionar no norte da provincia o programa Leader 2014-2020


O Concello de San Sadurniño participou este martes na constitución dunha nova entidade sen fins de lucro que se encargará de levar adiante todas as actuacións necesarias para concorrer á xestión do próximo programa Leader nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. O nome da asociación é Seitura 22 e aínda que nun principio só está integrada por unha parte dos consistorios e asociacións do territorio agárdase que nas próximas semanas a maioría se vaian sumando á inciativa. Para iso está previsto continuar coas xuntanzas informativas iniciadas hai varias semanas e recabar a colaboración das entidades para elaborar o plan estratéxico que se lle presentará ao AGADER no mes de xuño.

A asemblea constituínte de Seitura 22 celebrouse este martes á tarde no auditorio de FIMO, en Ferrol, coa participación de entidades integradas en Costa Noroeste e de Euroeume. A acta fundacional asinárona 14 dos 22 municipios e 44 asociacións, pertencentes na súa maioría ao ámbito xestionado por Costa Noroeste.

Seitura 22 estará presidida polo alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, acompañado na vicepresidencia polo máximo respresentante de Euroeume, Xosé Castro. O alcalde de San Sadurniño tamén participa nesta xunta directiva provisoria que se renovará no prazo de dous ou tres meses, tal e como apuntou o rexedor ferrolán.

A nova convocatoria do Leader agrupou nunha mesma área 22 municipios que ata agora integraban por separado estas dúas asociacións. A unificación territorial obriga, polo tanto, a partir de cero: crear unha entidade xestora, facer unha análise do territorio, recabar inquedanzas do tecido social e, con todo iso, facer un plan estratéxico que defina cales serán as liñas de actuación que se queren financiar con cargo ao Leader.

A asociación tamén terá que dotarse dun cadro de persoal de apoio e de asistencia ao desenvolvemento dos proxectos. Esta última cuestión non foi abordada na asemblea constituínte e todo apunta a que a convocatoria pública para cubrir os postos se fará tan pronto haxa confirmación por parte da Xunta da asignación a Seitura 22 do programa europeo.

O labor preparatorio recaeu, por agora, no persoal técnico de Euroeume e Costa Noroeste e deberá estar listo en escasos dous meses e medio, posto que a convocatoria do AGADER se publicou a primeiros de marzo e o prazo de presentación de propostas finaliza a mediados de xuño. O escenario xa está definido nos estatutos, nos que se recollen cinco mesas de traballo sectoriais: dinamización sociocomunitaria, sector agroforestal, empresarial e do emprego, benestar social, e turismo, comercio e hostalería. As bases do Leader 2014-2020 esixen que se abra un proceso participativo para a definición do plan estratéxico. Por esta razón nas próximas semanas convocaranse reunións con todas as entidades do territorio que, ademais, poderán integrarse como socias de Seitura 22 e presentar a súa candidatura no momento en que se renove a directiva que rexerá a asociación durante os próximos catro anos.

O programa achegará preto de 4 millóns de euros dos que poderán beneficiarse unicamente as zonas rurais dos concellos de Miño, Vilarmaior, Monfero, Pontedeume, Cabanas, A Capela, Fene, Ares, Mugardos, Neda, Ferrol, Narón, Valdoviño, San Sadurniño, Moeche, As Somozas, As Pontes, Cerdido, Cedeira, Cariño, Ortigueira e Mañón.