
O alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, e a concelleira de Axenda 2030, Raquel Piñeiro López, encóntranse hoxe en Vigo participando no Congreso Concellos 2030, que se celebra ata mañá no Museo Verbum. O encontro, que chega á súa terceira edición, reúne representantes municipais e persoal técnico para compartir proxectos e experiencias arredor da xestión de residuos, o ciclo da auga e a mobilidade, tres áreas nas que os concellos afrontan retos decisivos de futuro para cumprir -ou polo menos aproximárense- os obxectivos de desenvolvemento sostible.
O primeiro día do congreso está dedicado á cuestión dos residuos, cunha programación que combina conferencias, mesas de debate e visitas técnicas a diferentes infraestruturas viguesas. A xornada abriu cunha ponencia inaugural da divulgadora científica Deborah García Bello e incluíu a exposición de experiencias pioneiras na recollida de lixo, como o sistema porta a porta en distintos territorios, a xestión do colector marrón en Vigo ou o caso de éxito da Mancomunidade do Morrazo no tratamento de biorresiduos.
Hoxe á tarde as persoas participantes terán a oportunidade de coñecer de primeira man instalacións e proxectos vinculados á mobilidade e á xestión urbana da cidade, entre eles a nova estación potabilizadora, o proxecto Halo ou os espazos do Vigo Vertical, como a Gran Vía. Estas visitas permiten observar solucións aplicadas en grandes contornas urbanas que poden inspirar actuacións en concellos máis pequenos.
O programa de mañá venres porá o foco nos ámbitos da auga e da mobilidade. Especialistas de prestixio analizarán as novidades lexislativas que afectan ao ciclo da auga urbana, a detección temperá de fugas, a elaboración de plans integrais de saneamento e os retos que afronta a cidade de Vigo neste campo. Tamén se presentarán exemplos de estratexias innovadoras de mobilidade, co obxectivo de avanzar cara a modelos máis sostibles e eficientes.
O Congreso Concellos 2030 pecharase cunha mesa redonda sobre mobilidade e coa posta en común de conclusións que servirán de guía aos gobernos locais. A participación de San Sadurniño neste encontro supón unha oportunidade para coñecer boas prácticas, reforzar o compromiso coa Axenda 2030 e aplicar ideas adaptadas á realidade do municipio.
Neste sentido, segundo comenta Secundino García Casal, o evento “é un punto de encontro onde se aprende moito das ponencias, pero tamén comentando nos descansos con xente doutros concellos, grandes e pequenos, como están afrontando cuestións tan importantes como a xestión do lixo ou a da auga”.
Pola súa banda, a titular de Axenda 2030, Raquel Piñeiro López engade que a asistencia ao congreso “tamén nos permite confirmar que en San Sadurniño está no camiño correcto ao apostar pola compostaxe doméstica e polas melloras que estamos facendo nas redes de abastecemento e saneamento”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.