Thursday 02 de October de 2025

A Xunta remata a terceira campaña no Castro de Esmelle que permitirá deixar á vista partes das importantes estruturas atopadas nas excavacións


— López Campos salienta que a actuación fai visible o corpo de garda e o pavimento enlousado, que conforman un conxunto de carácter monumental que funcionaba como porta de acceso

— As obras comezaron en xullo e realizáronse en colaboración co Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña, a través da Cátedra de Arqueoloxía e Educación

— Forma parte das 81 actuacións do Goberno galego para 2025 en toda Galicia, 14 delas na provincia da Coruña por valor de 217.000 euros

— O titular de Cultura salienta o incremento “considerable” das accións nesta materia pola “relevancia incuestionable” destes bens patrimoniais para a Comunidade

A Xunta acaba de rematar os traballos de escavación e consolidación arqueolóxica no Castro de Tralocastro, na parroquia ferrolá de San Xoán de Esmelle, “nos que investiu 25.000 euros e que permitirán deixar a vista partes dos importantes estruturas atopadas”. Así o salientou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na visita que realizou a este xacemento, acompañado pola delegada territorial do Goberno galego, Martina Aneiros.

López Campos puxo en valor o feito de que, tras dúas campañas anteriores, nesta terceira fanse visibles algúns dos resultados destes “imprescindibles e valiosos traballos de recuperación e restauración, ao abeiro do Plan de actuacións arqueolóxicas de 2025”. Ao respecto, concretou que esta intervención forma parte das 81 programadas polo Goberno galego neste ano, “14 delas na provincia da Coruña por valor de 217.000 euros”.

En concreto, o responsable de Cultura da Xunta informou da consolidación do pavimento enlousado e do corpo de garda, o espazo se que se adoitaba empregar para tarefas de vixilancia e custodia. Ambas as dúas estruturas, segundo precisou, están datadas entre os séculos III e I antes de Cristo “e conforman un conxunto de carácter monumental de acceso ao castro”. Ademais, avanzou que contarán con paneis explicativos “para dar conta da relevancia dos resultados desta campaña”, a primeira na que Goberno galego colabora co Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña, a través da Cátedra de Arqueoloxía e Educación.

Neste senso, López Campos fixo fincapé que na estratexia do Goberno galego de recuperar e protexer estes valiosos bens do noso patrimonio a través das escavacións arqueolóxicas tamén ten “moita transcendencia o labor de divulgación”. “A nosa historia pasada, actual e futura é froito deste legado que temos obriga de conservar e que aínda nos ten moito que contar”, argumentou.

Por estes motivos, puxo en valor que en 2025 a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incrementou de “xeito considerable” a partida reservada para arqueoloxía, “tal e como demostra que, con respecto ao de 2024, superamos máis do dobre as accións só na provincia da Coruña”. Ao respecto, atribuíu esta suba a que “cada vez son máis o número de lugares históricos e de actuacións que precisan de acondicionamento, conservación, investigación, catalogación e divulgación, xa que estamos ante uns bens culturais que posúen unha relevancia incuestionable para Galicia”, concluíu.

Deja un comentario