Thursday 02 de October de 2025

Máis de 200 persoas participan dende este mes nas escolas deportivas e de benestar de Neda


Un total de 205 persoas comezan estes días as clases nas distintas escolas deportivas de Neda. A oferta municipal incluirá ata xuño unha decena de propostas diferentes para fomentar a actividade física e a vida saudable. O Concello mantén aberta a inscrición naquelas modalidades nas que queda algunha praza vacante.

O piar central da oferta de “Nedactívate” volverán ser as actividades para a xente adulta que se desenvolven no centro cívico da vila, en horario de mañá e de tarde. Con todo, o programa inclúe ademais algunha proposta para a rapazada (patinaxe na pista polideportiva do Roxal) e suma os obradoiros de estimulación cognitiva para maiores. En total, máis de 40 horas semanais de actividades.
Entre as modalidades deportivas máis demandadas figuran pilates (46 persoas matriculadas, repartidas en tres grupos horarios), ximnasia de mantemento e ioga (dous grupos) con 26 persoas apuntadas, e tamén zumba cunha vintena de participantes.

Completados os períodos de matrícula para o alumnado preinscrito e para novo alumnado empadroado no municipio, ofértanse con carácter xeral as contadas prazas vacantes pendentes de cubrir.

Detallan dende o Concello que queda algún oco nalgún dos grupos de pilates, ioga e ximnasia saudable (esta última actividade, na Casilla do Puntal), así como en patinaxe e nos talleres para maiores. En todos os casos, as matrículas poderán formalizarse no centro cívico, en horario de 9:30 a 12 horas.

Deja un comentario