
A actuación, cun investimento de máis de 313.000 euros, permitirá garantir a impermeabilización do edificio e mellorar a seguridade e o confort das persoas usuarias
O Concello da Coruña vén de iniciar esta semana as obras de reforma do Centro Cívico dos Rosales, situado na praza Elíptica, dentro da primeira fase do Plan de Renovación da Rede de Centros Cívicos Municipais. A actuación céntrase na renovación integral da cuberta do edificio, co obxectivo de corrixir filtracións, mellorar a impermeabilización e reforzar a seguridade estrutural.
O investimento previsto é de 313.172,96 euros, e os traballos inclúen a substitución da cuberta deteriorada, a instalación dun novo sistema impermeable, a creación dunha rede de recollida de augas pluviais e a reposición dos acabados exteriores e das barandas de protección. O prazo estimado de execución é de catro meses.
Durante este tempo, poderán producirse episodios puntuais de ruído, polo que se colocaron carteis informativos no edificio advertindo da situación. O Concello agradece a comprensión da veciñanza e das persoas usuarias dos servizos municipais, especialmente no caso da biblioteca, que comparte espazo co centro cívico.
Esta obra forma parte dun plan municipal máis amplo, promovido polo Goberno de Inés Rey, que inclúe reformas nos centros de Labañou, San Diego, Castrillón e Os Rosales, cun investimento total de 1,58 millóns de euros. O obxectivo é actualizar unhas instalacións que levan décadas ao servizo da veciñanza e convertelas en espazos máis confortables, accesibles e eficientes desde o punto de vista enerxético.
“A renovación dos centros cívicos responde á nosa aposta por reforzar os servizos públicos de proximidade e mellorar a calidade de vida nos barrios. Son espazos fundamentais de encontro, convivencia e participación veciñal”, sinalou a alcaldesa, Inés Rey, na presentación do plan.
Nos últimos anos, o Goberno municipal tamén promoveu outras melloras no barrio, como a construción da primeira pista multideporte dos Rosales, dentro da estratexia de reforzo das dotacións públicas nos distritos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.