Thursday 02 de October de 2025

A Xunta está a investir máis de 4M€ en obras nos centros educativos de Arteixo e avanza na rehabilitación integral do Instituto Manuel Murguía


O secretario xeral técnico da Consellería de Educación explica que a Unidade Técnica comprobou o estado das gradas exteriores e determinou que non existe risco

A Xunta de Galicia está a investir máis de 4M€ en obras de mellora nos centros educativos de Arteixo ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Así o explicou hoxe no Parlamento o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, que recordou que precisamente unha das intervencións de maior envergadura é a rehabilitación integral do Instituto Manuel Murguía, cun orzamento de 1,3M€ e actualmente en execución.

A actuación inclúe a substitución de cubertas de 1895 m², o cambio da carpintería exterior (122 fiestras e 17 portas), o illamento térmico polo exterior con SATE de 2523 m² de fachadas, así como a renovación da iluminación e falsos teitos. Ademais, o secretario xeral técnico explicou que tamén se están a executar en Arteixo a ampliación do IES da Pastoriza (2,1M€) e o cambio de cuberta do Colexio Ponte dos Brozos (370.000€).

No que atinxe ás gradas exteriores do IES Manuel Murguía, o representante da Xunta explicou que a Unidade Técnica revisou no mes de agosto a instalación e concluíu que non existe risco para a seguridade. “Escoitamos e comprendemos, por suposto, a preocupación das familias, pero cómpre lanzar una mensaxe de tranquilidade e deixar claro que, desde a perspectiva técnica, neste momento, non hai ningún problema de seguridade nas instalacións deste centro”, afirmou o secretario xeral técnico.

En calquera caso, a Consellería estudará desde o punto de vista técnico, en colaboración co Concello de Arteixo, a intervención de mellora que se poida acometer nesta instalación polas características topográficas do terreo onde están situadas as gradas.

Deja un comentario