Saturday 16 de November de 2024

Mirás informa de que o reformado do proxecto da ponte do enlace sur da AP-9 sobre a N-550 está á espera do visto bo de Fomento


O pleno municipal rexeitou a tres mocións presentadas polo PP

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, informou no pleno municipal ordinario celebrado na tarde/noite de onte xoves dos avances de cara á reanudación das obras do enlace sur da AP-9 en Sigüeiro, paralizadas dende o pasado mes de outubro. Mirás Franqueira explicou que “Fomento, Demarcación de Carreteras en Galicia, Audasa e as empresas construtoras se enzarzaron por un reformado do proxecto, xa que os técnicos de Fomento dicían que o carril de deceleración da AP-9 para a saída dos vehículos de Santiago non comezaba onde debía. Finalmente, o proxecto xa saíu de Demarcacións de Carreteras a Madrid e, cando lle dean o visto bo poderase reanudar as obras”.

O alcalde orosán non quixo poñer datas nin ao reinicio das obras nin ao seu final pois “foron moitas as datas que nos deron, incluso compromisos públicos da propia ministra de Fomento, que non se cumpriron”. Neste sentido, Manuel Mirás lamentou que “o PP nos estea facendo boicot con esta obra, porque ben o poderían ter sacado adiante pero se empeñaron en dicir que as obras non estaban paradas. Pois ben, ao final parece que a obra nin comenzou co PP nin vai acabar co PP”.

Mocións

Na quenda de mocións, as tres propostas do Partido Popular foron rexeitadas polo pleno municipal. As dúas mocións xenéricas, sobre a regularización do Catastro e en defensa das Deputacións, foron rexeitadas por todos os grupos municipais (PSOE, BNG e Anova). O voceiro do PP, Alexander Doval, defendeu “pedir que se ralentice a regularización do Catastro para que se atendan as peculiaridades de Galicia”, plantexando cuestións como establecer unha bonificación do 95% a todas as instalacións indispensables para as explotacións agrogandeiras e aplicarlles o coeficiente do 0,3% de tributación sobre o valor catastral.

Manuel Mirás indicou que “para nós é inasumible porque é unha moción xenérica e chea de tecnicismo. Nós o que pedimos é a degoración da Lei”. Un punto no que coincidiron o resto de grupos municipais. Así, o voceiro do BNG, Xosé Manuel Pérez, indicou que “coincido coas palabras do alcalde: o que hai que facer é derogar esta lei”; mentres que o voceiro de Anova, Siverio Mirás, insistiu en “pedir a derogación da lei, que xa teñen os labregos cargas dabondo”. O voceiro do PP rexeitou pedir a retirada da lei porque “a lei pode ser fácil de aplicar noutras zonas”. A moción foi rexeitada cos 3 votos a favor do PP e cos 9 votos en contra de PSOE, BNG e Anova.

Na moción en defensa das Deputacións, Alexánder Doval explicou que buscaba “reivindicar el valor institucional de las Diputaciones” e “exigir al Gobierno que respete la institución”. O alcalde orosán valorou esta moción como “un brindis ao sol. Os concellos pequenos necesitamos as Deputacións, que fan un labor extraordinario. Pero, ademais, esta moción é un brindis ao sol porque para a súa desaparición serían precisos dous tercios do Parlamento e iso non é posible porque o PP xa anunciou que o bloquearía”.

Pola súa banda, o voceiro do BNG indicou que “o PP só quere as Deputacións para proveer de poder a determinados alcaldes”; mentres que o voceiro de Anova indicou que “as Deputacións deberían desaparecer porque manteñen un niño de caciques”. Finalmente, o voceiro do PSOE, Antonio Leira, defendeu ás Deputacións como “un ente para defender os Concellos pequenos” e insistiu en que os socialistas buscan “que sexan máis eficaces e trasparentes”, rexeitando a moción do PP porque “é unha moción partidista, desgastadora e presentada nun momento para poñer dúbidas sobre a conformación do novo Goberno estatal”. A moción foi rexeitada cos 3 votos a favor do PP e cos 9 votos en contra de PSOE, BNG e Anova.

Petición ao ADIF

Por último, a moción do PP para que o ADIF limpase a contorna das vías do tren foi rexeitada polo grupo de Goberno por cuestións formais, xa que o Secretario Municipal non acepta emmendas “in voce” e a moción do PP pedía, no seu segundo punto, “instar ao ADIF a dar unha solución, ben que limpe ou habilite ao Concello para facelo”. “Xa lle solicitamos ao ADIF que limpen. Pero o Concello non o vai limpar porque cada administración ten que ter a súa competencia. Se nos queren trasladar esa competencia, que habiliten a correpondente partida económica. Do contrario, non o faremos”, explicou Manuel Mirás.

O alcalde reprochoulle ao voceiro do PP: “quérelle ben pouco ao Concello cando pide isto a sabendas de que o Concello non é responsable” e lembroulle que “é competencia de Medio Rural esixirlle ao ADIF que limpe iso, sobre todo cando se achega o verán e hai risco de lume. Se vostede coñece a Ánxeles Vázquez podería pedirllo porque o Concello xa fixo o que lle tocaba e lle diriximos ao ADIF un requerimento para que limpe esas zonas”.

O voceiro do BNG tamén insistiu en que “é o ADIF quen ten que facelo, non a Deputación nin o Concello de Oroso”, polo que o voceiro do PP amosouse disposto a eliminar ese punto da súa moción e aprobar outra moción na que o pleno instase ao ADIF a limpar o perímetro das vías do tren entre Trasmonte e Oroso. Unha cuestión que non se puido facer xa que o novo Secretario Municipal non acepta emmendas “in voce” ás mocións, polo que foi rexeitada cos 7 votos en contra do PSOE, os 4 votos a favor de PP e Anova e a abstención do BNG.