Thursday 02 de October de 2025

O Concello de Fene avanza a bo ritmo na renovación do alumeado público e da rede semafórica


A actuación, que foi licitada por preto de 417.000 € e está financiada ao 100% por fondos europeos a través do IDAE, permitirá reducir o consumo enerxético nun 88%

A renovación xa está operativa en varios puntos do concello, con luminarias LED que melloran a seguridade viaria e reducen a contaminación luminosa

O Concello de Fene está a dar pasos decisivos no proxecto de modernización do alumeado público e da rede semafórica, unha actuación de gran envergadura que xa está en marcha e que avanza a bo ritmo. A alcaldesa, Sandra Permuy, acompañada do tenente de alcalde, Manuel Polo, e da concelleira de Promoción Económica, Ángeles Coira, supervisou esta mañá os traballos que se están a executar en distintos puntos do concello.

O investimento total licitouse por preto de 417.000 €, repartidos en dous lotes: un adicado á modernización da rede semafórica (119.785,16 €) e outro á mellora da eficiencia enerxética de 732 puntos de luz en diferentes parroquias e rúas do concello (297.762,57 €). O proxecto está financiado ao 100% polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), no marco do Programa de Proxectos Singulares de Alumeado Municipal con fondos da Unión Europea. Trátase dunha das maiores achegas conseguidas polo Concello de Fene en materia de eficiencia enerxética.

A actuación suporá unha redución da potencia instalada de 87,23 kW a 20,49 kW e a diminución do consumo anual de enerxía de 357.518 kWh a 41.818 kWh. Este aforro traducirase nunha rebaixa do custo enerxético de 101.337,61 € a 11.880,06 € ao ano, o que implica unha redución do 88,3% no gasto municipal.

A alcaldesa, Sandra Permuy, destacou que “estamos ante un proxecto estratéxico para o noso concello. Non só damos un salto tecnolóxico coa instalación de sistemas de telexestión e luminarias LED de última xeración, senón que tamén reducimos de forma moi significativa o gasto público, a contaminación luminosa e as emisións de CO2. É un éxito colectivo que repercutirá en beneficio directo da veciñanza”.

No caso do lote 2, o proxecto contempla a substitución de 732 puntos de luz por tecnoloxía LED de alto rendemento e a instalación dun sistema de telexestión que permitirá programar horarios, regular niveis de intensidade lumínica e detectar avarías en tempo real. Estes puntos distribúense do seguinte xeito: 89 na Estrada da Palma; 115 no Cemiterio Municipal de Barallobre e contorna; 75 na Estrada de San Marcos; 66 na Rúa Travesa; 67 na Fonte Nova – Sartego e 85 nas inmediacións do Polideportivo A Xunqueira e Paseo Marítimo.

No tocante ao lote 1, os traballos avanzan na substitución da rede semafórica completa, que abrangue 235 puntos de luz. A infraestrutura actual ten varias décadas de antigüidade e resulta obsoleta, sen posibilidade de reposición de pezas. A intervención permitirá dotar a Fene dunha rede moderna, fiable e adaptada ás necesidades actuais de mobilidade.

“Moitos semáforos xa foron renovados e tamén se avanzou na substitución do alumeado en distintas zonas. Estamos a ver como este proxecto, de gran complexidade administrativa, se transforma en melloras visibles e palpables para toda a veciñanza”, concluíu a rexedora.

Deja un comentario