Friday 03 de October de 2025

Bouza esixe a Rueda que se comprometa con Santiago e aumente a achega da capitalidade nos orzamentos da Xunta para o 2026


Aitor Bouza reclama que a Xunta incremente a achega da capitalidade, critica a pasividade da alcaldesa ante os compromisos da Xunta e insta a Borja Verea a aclarar se defenderá os intereses de Compostela.

Bouza reiterou que o PSdeG non apoiará un goberno de dereitas en Santiago e criticou que o goberno de Sanmartín dedique esforzos a “esparcir lixo entre os partidos políticos en vez de limpar o da cidade”, reclamando garantir os servizos básicos antes de subir impostos.
Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2025. O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, reclamou este xoves que o proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para 2026 inclúa un incremento inmediato da achega pola capitalidade de Santiago, unha partida que, segundo denunciou, “leva conxelada anos”.

Bouza advertiu que a cuestión “xa non é unha cuestión dunha reivindicación social, dunha reivindicación política e dunha reivindicación xusta, que o é, senón que tamén é unha exixencia legal”. Recordou que a lei galega de capitalidade establece que a cidade debe contar cun orzamento suficiente “xustamente para desenvolver as funcións que se desenvolven en Galicia, como son as da capitalidade, o incremento de persoas, polas mobilizacións, polos trámites e tamén polas xestións que se poden facer en Santiago de Compostela”.

O deputado anunciou que o grupo socialista presentou xa unha iniciativa parlamentaria para esixir ao presidente Rueda que incremente esta achega ata os 7 millóns de euros. “Non é esta contía porque nos hoxe nos levantáramos pola mañá e dixéramos vamos a poñer sete millóns. Non, é froito dos estudos que se realizaron para poder compensar o gasto que ten Santiago de Compostela por mor de ser a capital galega”, explicou.

Bouza insistiu tamén na necesidade de convocar o Consello da Capitalidade, que non se reúne dende hai anos a pesar de que a lei obriga a facelo antes da presentación do borrador dos orzamentos. “Cantos anos leva sen reunirse?”, preguntou, para engadir que “xa que lle gusta tanto o Partido Popular falar do cumprimento da legalidade, do cumprimento das leis, pois nos instamos e exiximos a que cumpran a lei galega tamén da capitalidade”.

Na súa intervención, criticou con dureza a “pasividade da alcaldesa” da cidade ante un compromiso que, segundo lembrou, fora adquirido en 2023 polo propio presidente da Xunta. “Se o presidente da xunta non cumpre, é unha exixencia da máxima representante da cidadanía de Compostela facer todo o posible, todo o necesario para que realmente se cumpla ese compromiso, esa promesa do presidente da xunta”, subliñou.

Bouza instou ao portavoz popular, Borja Verea, a definirse sobre este asunto. “Cada vez que presentamos a emenda de aumento do incremento da capitalidade, o Sr. Verea cando ten que decidir entre votar entre Compostela e apoiar o Sr. Feijóo e o Sr. Rueda, sabemos que sempre aposta por o Sr. Rueda e por o Sr. Feijóo”, afirmou. E engadiu: “Vai a defender o Sr. Verea o aumento da achega da capitalidade si ou non, e moi sinxela a pregunta. Ten un moi fácil solución”.

Moción de censura e taxa do lixo

Preguntado sobre a posibilidade dunha moción de censura promovida polo PP, Bouza foi taxativo: “Santiago de Compostela non vai ter nunca un goberno de dereitas co apoio do Partido Socialista. Nunca”. Con todo, aclarou que o PSdeG tampouco será “a muleta de ningún goberno”, senón que manterá un pacto exclusivo coa cidadanía.

En canto á situación da limpeza viaria, Bouza foi especialmente crítico coa xestión municipal e coas declaracións da señora Sanmartín. “É intolerable que realmente, tal e como está a cidade co lixo que hai o que se dedique o goberno de Sanmartín é a esparcir lixo entre os partidos políticos en vez de limpar todo ese lixo que cada vez se amontoa máis na nosa cidade”, denunciou. Advertiu que “querer subir os impostos á cidadanía respecto a este punto é absolutamente delirante tal e como está. O primeiro que hai que facer é cumprir o servicio”.
Bouza concluíu lembrando que o PSdeG vai ser “moi esixente” co goberno local, porque “se a señora Sanmartín saíra dos despachos podería saber que realmente é un clamor social o que ocorre nesta cidade respecto do lixo”.

Deja un comentario