
• O TSXG confirma a nulidade da sanción imposta por Figueroa ao xefe de Obras en 2022 por ser “inxusta, desproporcionada e contraria a dereito”
• Os populares advirten que este fallo súmase a outras dúas condenas por incumprir o dereito á conciliación familiar e laboral
• Izaskun García, portavoz do PP: “Isto é un abuso de poder continuado e consciente que prexudica a Culleredo”
O Grupo Municipal do Partido Popular de Culleredo logrou aprobar onte no pleno unha moción para que o alcalde, José Ramón Rioboo, retire de forma inmediata todas as competencias á concelleira de Persoal, Marta Figueroa, e reestruture o seu departamento. Con todo, Rioboo mantén a Figueroa no cargo, eludindo así asumir responsabilidades políticas.
O TSXG confirmou recentemente a nulidade da sanción imposta en 2022 por Figueroa ao xefe do Servizo de Obras, cualificándoa como “inxusta, desproporcionada e contraria a dereito”. O fallo rexeita o recurso presentado polo Concello e reforza a denuncia do PP sobre irregularidades reiteradas na xestión da área de Persoal do goberno local.
Os populares aseguran que “a concelleira vulnera dereitos fundamentais dos traballadores do Concello”, xa que esta sentenza súmase a outras dúas condenas anteriores por vulnerar o dereito á conciliación familiar e laboral doutras dúas traballadoras e a varias demandas xudiciais polo incumprimento da actualización de niveis retributivos.
A portavoz do PP, Izaskun García, considera que o caso da sanción de Figueroa ao xefe de Obras –polo que o pleno xa reprobou á concelleira en 2023– non é un “erro administrativo illado”, senón unha mostra máis de “un abuso de poder continuado e consciente” que tivo consecuencias graves para o Concello: prexuízo económico por costas xudiciais, indemnizacións e pago de avogados, paralización de proxectos e licenzas na área de Urbanismo, ademais dun serio dano reputacional.
A moción do PP –que contou cos votos a favor do BNG, mentres que o PSOE rexeitouna e Alternativa dúas Veciños abstívose– esixe tamén a Rioboo unha auditoría independente da área de Persoal, un plan de choque en Urbanismo para desbloquear expedientes e reforzar o persoal técnico, e a publicación no portal de transparencia de todos os custos xudiciais e económicos deste procedemento. Izaskun García advirte tamén que o alcalde é “o máximo responsable” por manter no cargo a unha concelleira reprobada e desacreditada polos tribunais.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.